A nova Lei de aproveitamento lúdico das augas termais permitirá impulsar un crecemento ordenado e seguro do sector

A normativa, que entra hoxe en vigor, dá resposta a unha demanda social e empresarial

A lei ofrece novas oportunidades ao sector turístico, ao tecido empresarial e para a dinamización da actividade económica dos concellos do interior, á vez que se protexe este recurso natural

Os espazos que se atopen en funcionamento dispoñen de 12 meses para regularizar a súa situación
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2020

Galicia conta desde hoxe cun completo marco normativo no referente ao regulamento de usos das augas termais, grazas á entrada en vigor da Lei 8/2019 do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia. Trátase dunha norma pioneira en España que permitirá impulsar na Comunidade un crecemento ordenado e seguro do sector.

Galicia convértese na primeira Comunidade autónoma en regular os diferentes aproveitamentos das augas termais, establecendo un novo uso que marca unha fronteira clara entre os establecementos balnearios, con usos terapéuticos e que están regulados por unha lei do ano 1995; e os espazos e piscinas termais, con usos lúdicos, nos que se centra a nova norma. Deste xeito, Galicia dá resposta a unha realidade empresarial e a unha demanda real da sociedade actual, ofrecendo seguridade xurídica e garantías a proxectos turísticos que, ata a data, non tiñan unha regulamentación específica.

Os obxectivos da lei son velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental das augas termais para evitar a degradación da súa calidade e a redución do seu caudal; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial, cultural, turístico e lúdico; e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden estas augas.

Entre os aspectos máis relevantes da normativa -na que se fixa como condición previa que as augas conten coa declaración de termais- están: a regulación dos casos de compatibilidade dos novos aproveitamentos lúdicos cos establecementos balnearios e os seus perímetros de protección; o establecemento do procedemento para obter autorizacións administrativas renovables cada 10 anos para as persoas ou entidades privadas e concesións de 30 anos prorrogables ata 75 no caso de entidades públicas; a esixencia da garantía financeira, seguro de responsabilidade civil, un plan de aproveitamento de carácter cuadrienal e a restitución da situación ao estado orixinal tras a finalización do aproveitamento; marca as condicións de accesibilidade, seguridade e hixiénico sanitarias das instalacións; ademais dun réxime de inspección e sancións con multas de entre 300 e 90.000 euros. En canto ao espazos que se atopen actualmente en funcionamento contarán cun prazo máximo de 12 meses para regularizar a súa situación. Preténdese protexer este recurso e garantir a salubridade e seguridade das instalacións aos usuarios.

Con esta lei, Galicia contará cun novo mapa termal no que todos e cada un dos usos destas augas estará ordenado e regulado; con garantías para os propietarios; os interesados en impulsar novas instalacións; os usuarios e para o propio recurso que seguirá contando coa máxima protección.

Galicia, con 300 captacións mineiro-medicinais, 21 balnearios e 3 talasos, conta cun gran potencial neste eido polo que esta lei é unha nova oportunidade para o sector turístico, para o tecido empresarial e para dinamizar a actividade económica do interior de Galicia -onde se localiza boa parte deste recurso-.
 

Imaxes relacionadas