A Xunta impulsa o emprego local a través de tres programas que permitirán aos concellos galegos contratar a 1800 persoas desempregadas

O Goberno galego abre as convocatorias de axudas que, cun investimento de 16M€, apoiarán a contratación de 700 persoas perceptoras da Risga; 500 desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social; e 600 para tarefas de prevención de incendios

As tres liñas de apoios enmárcanse na Axenda 20 coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende mellorar a ocupabilidade dos galegos e galegas e dinamizar o mercado de traballo
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro

A Xunta abriu o prazo de solicitude de tres programas que suman 16M€ e que permitirán que os concellos galegos poidan contratar, este ano, a máis de 1800 persoas desempregadas. En concreto, trátase das convocatorias correspondentes a persoas receptoras da Risga, Aprol Rural e persoas desempregadas para o desenvolvemento de obras e servizos de interese xeral e social. Estas iniciativas, xunto con outros programas que se activaron desde que comezou o ano e que favorecen a contratación en concellos, suman preto de 55M€.

Así, a Xunta destina este ano un total de 7,7M€ para a contratación de persoas perceptoras da Risga, apoio do que se poderán beneficiar un total de 165 concellos ou agrupacións de municipios. O obxectivo é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses.

Por outra parte, Aprol Rural conta cun orzamento de 7M€ para a contratación de 600 persoas desempregadas en 270 municipios galegos para a realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Terán prioridade os concellos fusionados e os emprendedores. Como novidade con respecto a anteriores edicións, os concellos rurais de menos de 2000 habitantes poderán contratar a persoas que xa fosen contratadas por un período igual ou superior a 9 meses con cargo a axudas concedidas no ano 2019 pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no eido da colaboración coas entidades locais e sen ánimo de lucro. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

Por último, o Goberno autonómico inviste 1,5M€ para apoiar en 185 concellos galegos a contratación de 500 persoas sen emprego para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social co obxectivo de proporcionarlles experiencia e práctica profesional que permita a súa inserción. Os contratos serán de tres meses -no caso de que sexan a tempo completo- ou de seis meses para os de tempo parcial.

Estas medidas teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como apoiar a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego. Enmárcanse na Axenda20 coa que a Xunta pretende crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que se están activando neste primeiro mes do ano e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros duais de emprego, no que se invisten 23,2M€ para beneficiar a 1400 persoas; o novo programa para a formación e contratación de 300 menores de 30 anos (7M€); as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinarán 6,7M€ ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento específico para os concellos de 1,66M€.
 

Imaxes relacionadas