O Campionato Provincial de Campo a Través Xogade celebrado en Vigo acada un récord de participación con 1.300 escolares e un 51% de inscricións femininas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, desprazáronse hoxe a este evento

Neste mesmo espazo do Parque de Castrelos o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba hai dez días que o Goberno galego valorará a posibilidade de introducir unha terceira hora de educación física nos cursos de primaria, secundaria e bacharelato

Vigo, 1 de febreiro de 2020-

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiron hoxe ao Campionato Provincial de Campo a Través Xogade (Xogos Galegos en Idade Escolar) celebrado na mañá de hoxe no Parque de Castrelos de Vigo e que acadou o récord de participación desta modalidade do Xogade con 1.300 nenos e nenas.

Os cativos participantes na proba pertencen a 117 colexios e clubs da provincia repartidos nas categorías de benxamín (191 nenas e 227 nenos), alevín (210 nenas e 187 nenos), infantil (170 nenas e 138 nenos) e cadete (87 nenas e 78 nenos) e que percorreron distancias de un, un e medio, dous e dous e medio quilómetros respectivamente.

Nesta edición, rexistrouse unha gran participación feminina que fai que no cómputo global dos participantes haxa máis nenas -658 que representa o 51%- que nenos -630, o 49%- , que se espera poida tamén extrapolarse aos datos de licenzas femininas galegas, que na actualidade se achegan ao 25%.

Hábitos saudables

Neste mesmo espazo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba hai dez días que o Goberno galego valorará a posibilidade de introducir unha terceira hora de educación física nos cursos de primaria, secundaria e bacharelato, convencidos de que é unha medida necesaria, que non se cingue só ao ámbito educativo senón que afecta positivamente á saúde dos máis novos.

Cómpre destacar a importancia da actividade física para os máis novos xa que é nestas idades cando os máis pequenos deben introducir na súa rutina o exercicio físico para acadar unha sociedade máis activa e saudable. Neste sentido, destaca o programa Xogade, posto en funcionamento no ano 2004 en colaboración coas federacións deportivas e as agrupacións escolares, para levar a actividade deportiva a todos os concellos e brindarlles aos escolares a posibilidade de competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Na tempada 2018-2019, o Xogade contou cun total de preto de 130.000 nenos mutualizados cuxo seguro deportivo 6-16 é financiado pola Xunta de Galicia. O obxectivo é chegar a todos os nenos e nenas de Galicia.

Imaxes relacionadas