A Xunta fará promoción dos viños galegos na Barcelona Wine Week e apoiará a presenza de nove adegas da nosa comunidade

Este certame, que terá lugar entre o luns e o mércores próximos, é unha boa ocasión para que os profesionais nacionais e internacionais coñezan os nosos produtos, abrindo así oportunidades de negocio

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2020

Galicia estará presente na primeira edición da semana do viño de Barcelona (Barcelona Wine Week), que terá lugar entre o luns e o mércores próximo na Cidade Condal. Un total de nove adegas galegas exporán os seus produtos baixo o paraugas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural.

Este certame é unha boa ocasión para facer promoción dos viños galegos con indicativo de calidade e para que os profesionais nacionais e internacionais coñezan os nosos produtos, abrindo así oportunidades de negocio.

A Xunta contratou neste evento un posto modular dos que oferta a Feira de Barcelona para participar con 77 metros cadrados no que terán presenza as adegas e que contará ademais cun espazo de promoción institucional no que persoal de Agacal dará a coñecer e a degustar os viños das cinco denominacións de orixe de Galicia.

Nesta primeira edición da semana do viño de Barcelona está prevista unha ocupación de máis de 30.000 metros cadrados de exposición, con arredor de 600 empresas e entidades participantes. Trátase dun evento de carácter profesional, impulsado por Alimentaria Exhibitions e pola Federación Española del Vino que nace, segundo os seus promotores, como o maior escaparate dos viños españois de calidade para operadores nacionais e internacionais.

Imaxes relacionadas