Galicia avalía cos embaixadores de Xapón e da India novas oportunidades para impulsar o intercambio comercial

As reunións do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, cos representantes destes países asiáticos centráronse no impulso ás exportacións cara a estes mercados e na captación de investimentos

Ambos países supoñen unha oportunidade para as vendas ao exterior de Galicia pola elevada poboación e os avances económicos que están a experimentar, e permite diversificar o destino das mercadorías galegas

A automoción, o agroalimentario, o naval ou as renovables son algúns dos sectores con maiores posibilidades

Estímase que en 2030 a India será o terceiro mercado de consumo do mundo por detrás de China e Estados Unidos

Xapón é o cuarto importador de bens e un dos principais emisores de investimento directo estranxeiro, ademais de ter cada vez unha maior vinculación con Galicia grazas ao Camiño de Santiago
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo onte en Madrid reunións co embaixador de Xapón en España, Kenji Hiramatsu, e co embaixador da India, Sanjay Verma, por outro, para impulsar o intercambio comercial con estes mercados, que supoñen unha oportunidade para as exportacións galegas pola súa elevada poboación e os avances económicos que están a experimentar. Búscase así diversificar os destinos aos que se dirixen as mercadorías galegas ao tempo que se fomenta a captación de investimentos.

No caso da India, é un gran mercado emerxente, sendo a sétima economía mundial co maior crecemento. Estímase que en 2030 será o terceiro mercado de consumo do mundo por detrás de China e Estados Unidos. No período de xaneiro a novembro de 2019 exportáronse cara á India desde Galicia un total de 33,2 millóns de euros. Ademais, nos once primeiros meses do 2019, as empresas galegas que exportaron cara a India medraron un 2,6%, e un 23% as exportadoras regulares. Neste país supoñen oportunidades para as empresas galegas sectores como o das infraestruturas, as enerxías renovables, as telecomunicacións, a biotecnoloxía e a automoción.

No tocante a Xapón, é un dos grandes mercados do mundo, con 126 millóns de habitantes que teñen un elevado poder adquisitivo. É a terceira economía mundial por produto interior bruto (PIB), por detrás de Estados Unidos e China, e o cuarto importador de bens e un dos principais emisores de investimento directo estranxeiro. En 2019, no período de xaneiro a novembro, aumentaron nun 13% as empresas exportadoras galegas cara este país, e case un 4% as exportadoras regulares. Nos primeiros once meses do ano pasado exportáronse cara a Xapón desde Galicia un total de 89,9 millóns de euros.

A entrada en vigor do acordo de libre comercio da Unión Europea con Xapón o 1 de febreiro de 2019 abriu novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Os principais sectores de interese para o intercambio comercial son o naval, o sector pesqueiro e derivados, o vitivinícola e a industria agroalimentaria, o conserveiro e os materiais de construción.

Cómpre ter en conta ademais que nos últimos anos o Camiño de Santiago está a ter unha gran difusión no territorio, o que pode supoñer un elemento dinamizador das relacións económicas, non só impulsando o comercio exterior das empresas galegas senón tamén atraendo posibles investimentos.
 

Imaxes relacionadas