Ao acto de peche celebrado esta semana asistiron a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o director de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega, Emérito Freire

A Xunta participa en Porto na clausura do proxecto europeo Aqualitrans cumprindo os obxectivos para acadar sistemas máis eficientes e sostibles no funcionamento das depuradoras

O investimento destinado a este proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal sitúase en case 1 millón de euros

Este proxecto prima a busca dun uso máis eficiente dos recursos naturais nun proceso imprescindible para a poboación como é o tratamento das augas residuais

En Galicia hai 160 depuradoras que dan servizo a poboacións de máis de 2.000 habitantes equivalentes

O traballo desenvolvido ten permitido pór en práctica proxectos concretos de optimización enerxética nas depuradoras de augas residuais de A Pobra do Caramiñal, Cedeira, Ares, Nigrán e Gondomar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade enmarca estas experiencias piloto no plan de acción da Xunta e de Augas de Galicia de apoio aos Concellos nas súas competencias na explotación e o mantemento axeitado desta instalacións

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2020

A Xunta vén de participar esta semana na cidade lusa de Porto no acto de clausura do proxecto europeo Aqualitrans cumprindo os obxectivos na procura de acadar sistemas máis eficientes e sostibles na xestión das depuradoras de augas residuais.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o director de Enerxía e Planificación Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Emérito Freire, participaron esta semana xunto aos seus socios portugueses no acto de clausura deste proxecto, cuxos estudos permitiron afondar nun modelo de xestión das depuradoras de augas residuais máis rendible enerxéticamente e sostibles a nivel ambiental e económico.
O investimento que a Xunta destina a este proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal sitúase en case 1 millón de euros, e conta coa financiación do Fondo FEDER.
O traballo desenvolvido neste programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal tivo como principal obxectivo lograr un uso máis eficiente dos recursos naturais nun proceso tan imprescindible para a poboación como é o tratamento das augas residuais. Neste sentido, cómpre lembrar que en Galicia hai 160 depuradoras que dan servizo a poboacións de máis de 2.000 habitantes equivalentes.
Na primeira fase deste proxecto, os participantes centráronse en elaborar un estudo de investigación sobre o consumo enerxético en 20 depuradoras, 10 galegas e 10 no país veciño. Esta fase de análise teórica serviu de base para decidir e propoñer as medidas de optimización enerxética que se aplicaron nunha segunda fase a modo de experiencia piloto en 5 depuradoras galegas e una portuguesa seleccionadas co obxectivo común de reducir en todas elas o consumo enerxético.
As instalacións nas que se puxeron en práctica proxectos concretos de optimización enerxética son as de A Pobra do Caramiñal, Cedeira, Ares, Nigrán e Gondomar, no caso galego; e a ETAR de Sobreira, en Portugal.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade enmarca estas experiencias piloto dentro do plan de acción da Xunta e de Augas de Galicia, que agora se está centrando en apoiar aos Concellos nas súas competencias na explotación e o mantemento axeitado das depuradoras ao ver como moitas destas instalacións municipais non están funcionando de forma axeitada.
Cómpre lembrar que Augas de Galicia participou no proxecto Aqualitrans, cofinanciado con fondos europeos e dotado con case 1 millón de euros, no que contou coa colaboración do INEGA e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia. No mesmo participaron ademais Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).

Imaxes relacionadas