A comisaria do Xacobeo 2021 destaca a conexión internacional do Camiño de Santiago coa figura de Lennon

Cecilia Pereira participou hoxe na presentación dun video promocional sobre o Camiño Inglés e do libro ‘Imagine this. Crecendo co meu irmán John Lennon’

A Coruña, 31 de xaneiro de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou hoxe no Teatro Colón da Coruña na presentación dun vídeo musical para promocionar o Camiño Inglés e o libro Imagine this. Crecendo co meu irmán John Lennon. Trátase dun proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia e que forma parte do programa O teu Xacobeo.

Durante o acto de presentación, a comisaria do Xacobeo 2021 destacou a conexión internacional do Camiño cunha figura como a de John Lennon. Pereira lembrou que Lennon estivo a piques de facer o Camiño xunto a Salvador Dalí, experiencia que se truncou co seu prematuro falecemento e que este proxecto, a través da música e da súa irmá Julia Baird, rende homenaxe ao autor de Imagine e aos miles de peregrinos que fan o Camiño Inglés, itinerario que combina ruta marítima e terrestre.

A encargada de poñer voz ao vídeo musical que se difundirá por Reino Unido e Estados Unidos co obxectivo de promocionar o Xacobeo 2021 é Carolina Rubirosa, seguidora da carreira de Lennon e creadora da canción O teu Camiñar, na que se pon en valor a amizade a través de dúas mulleres que fan o Camiño e que parten de puntos diferentes.

Xunto con Cecilia Pereira, estiveron na presentación deste proxecto Julia Baird e Carolina Rubirosa, que interpretou a canción Imagine acompañada do músico Javier Gurruchaga, un recoñecido admirador da obra de Lennon.