A Xunta reformou con 153.000 euros o salón de actos do IES de Foz, listo para acoller de novo os Campionatos de baristas

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, participou na presentación dos certames, que se celebrarán entre o 12 e o 14 de febreiro

Igualmente, asistiu á elección de destinos do alumnado de Formación Profesional dual entre unha ampla oferta de hoteis nacionais para realizar prácticas remuneradas

Foz (Lugo), 31 de xaneiro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional investiu 153.000 euros na reforma completa do salón de actos do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz, que está listo para volver a ser escenario dos campionatos internacionais de baristas que se celebrarán entre os días 12 e 14 de febreiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na presentación do XIII Campionato internacional de baristas de escolas de hostalería, o VIII Campionato internacional de baristas profesionais, o VIII Campionato internacional de cata de cafés de escolas de hostalería e, como principal novidade este ano, o I Campionato internacional de cata de cafés de profesionais.

Acompañado polo director do centro, Nicolás Asensio, e o principal organizador, José Ríos, o delegado expresou o seu recoñecemento á comunidade educativa do centro por “facer que este evento se supere cada ano”.

Entre as principais melloras destacou a introdución da nova modalidade de concurso de catas para profesionais e a recuperación do salón de actos como escenario principal dos campionatos.

Neste sentido, explicou que a Xunta acometeu a reforma integral deste espazo, incrementando o aforo de 120 a 154 prazas, e mellorando a acústica, illamento, chan e pintura, butacas, escenario e equipos de iluminación, audio e vídeo, entre outros elementos. Tamén se realizaron traballos para suprimir barreiras arquitectónicas, integrar os aseos, pechar ocos nas fachadas, e outros de fontanería, saneamento e calefacción.

Impulso á Formación Profesional

Balseiro subliñou a aposta da Consellería de Educación por promover a Formación Profesional, “mellorando tanto as instalacións como os modelos de aprendizaxe”, e apuntou que o instituto focense “é un gran aliado nesta aposta da Xunta grazas ao esforzo, a excelencia e a calidade do seu traballo”.

Ao respecto, sinalou que hoxe mesmo tamén tivo lugar no centro o acto de elección de destinos para a realización de prácticas do alumnado da Formación Profesional dual. Trátase de preto dunha vintena de estudantes do grao superior da dobre titulación en Dirección de Cociña e Dirección de Servizos de restauración, que imparte o IES en colaboración coa empresa Eurostars.

As prácticas son remuneradas e realizaranse entre o 25 de marzo e o 15 de setembro. Os estudantes poden elixir entre unha ampla oferta de hoteis do grupo, e neste caso optaron por destinos como Lugo, A Toxa, Sevilla, Barcelona, Madrid e Canarias.

Imaxes relacionadas