A conselleira de Política Social, Fabiola García, inaugurou hoxe estas instalacións acompañada do director xeral de Agader e da delegada territorial en Ourense

A Xunta destina 200.000 euros para a rehabilitación dunhas vivendas de atención ás persoas maiores en Paderne de Allariz

Esta iniciativa prestará servizo a 12 maiores neste enclave rural

Paderne de Allariz (Ourense), 31 de xaneiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, inaugurou hoxe unhas vivendas sociais de atención a persoas maiores en Paderne de Allariz. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), destinou 200.000 euros na rehabilitación destas casas antigas situadas na aldea de Rioseco.

A conselleira, que estivo acompañada do director xeral de Agader, Miguel Pérez Dubois, e da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, destacou a importancia de iniciativas coma esta nas que se incentiva a recuperación do medio rural ao mesmo tempo que se ofrecen servizos para as persoas maiores que viven nestes lugares.

Fabiola García sinalou que estas vivendas facilitarán a 12 persoas maiores unha atención de calidade nun enclave natural. Mediante esta iniciativa, impulsada pola empresa Rioseco S.L., rehabilitáronse varias vivendas antigas cun patio común, un proxecto que comparte o obxectivo do Goberno galego de achegar os servizos ao medio rural para que sexan as persoas maiores as que decidan onde e como pasar esta etapa das súas vidas.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Xunta de Galicia ofrece diferentes programas para mellorar as prestacións ás persoas maiores no rural como o xantar na casa, que achega menús diarios a persoas que viven soas; ou o servizo de axuda no fogar, que atende a máis de 20 veciñas e veciños de Paderne de Allariz.

Imaxes relacionadas