A Xunta entrégalle a depuradora e os novos colectores ao Concello de Ribeira, que asume a súa xestión e explotación
Estas infraestruturas levan en funcionamento desde 2016 e supuxeron un investimento de 22,3 millóns de euros, achegando Augas de Galicia 11,8 millóns
A cesión das instalacións materialízanse tras concluír o período de probas e pasadas 2 auditorías independentes que garanten o seu perfecto estado
Esta actuación súmase ás executadas ou en execución noutros concellos da ría de Arousa, como O Grove, Boiro, Rianxo, Cambados o Ribadumia, cun investimento total de 75 millóns de euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, formalizou hoxe a entrega dos colectores xerais e a nova depuradora de augas residuais ao Concello de Ribeira, que se fai cargo das súas competencias na conservación e mantemento das instalacións de tratamento de augas residuais do municipio.
Estas infraestruturas, executadas pola empresa pública estatal Acuaes, levan en funcionamento desde o ano 2016 e as mesmas supuxeron un investimento total de 22,38 millóns de euros, dos que 11,77 millóns foron achegados pola Xunta e o resto cofinanciados polos fondos europeos FEDER.
A entrega destas instalacións prodúcese tras haber concluído o período de proba e tras pasar dúas auditorías independentes, que garanten o perfecto estado das instalacións.
Con estas infraestruturas hidráulicas, a Xunta segue a traballar no saneamento da ría de Arousa, e estas instalacións de Ribeira súmanse ás xa executadas ou en execución neste e noutros concellos da ría, como é o caso do Grove, Boiro, Rianxo, Cambados ou Ribadumia.
En total a Xunta leva mobilizado un total de 75 millóns de euros en actuacións de saneamento por toda a ría.