A Xunta logra a primeira firma dun acordo de licenza coa industria para comercializar un proxecto do Programa Ignicia

A Universidade de Vigo e a multinacional española Ziacom asinaron o acordo de licenza da iniciativa Biofast, especializada en biomaterial para a rexeneración ósea e apoiada pola Axencia Galega de Innovación e a Fundación Barrié

A través das dúas convocatorias do programa apoiáronse 16 proxectos de universidades, centros tecnolóxicos e fundacións de investigación sanitaria, dos que xa xurdiron catro spin-offs baseadas en tecnoloxías punteiras
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020

O Programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta dá un novo paso e logra a primeira firma dun acordo de licenza coa industria para comercializar os resultados dun dos proxectos que apoia. En concreto, a Universidade de Vigo e a mutinacional española Ziacom Medical especializada no deseño e fabricación de implantes e produtos para cirurxía bucal, maxilofacial e biomateriais veñen de asinar un acordo de licenza para levar ao mercado os resultados do proxecto Biofast que se centran nun biomaterial para rexeneración ósea, grazas ao apoio deste programa da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa colaboración da Fundación Barrié.

Este acordo constitúe un fito importante dentro do programa e vén sumarse aos resultados acadados ata agora, entre os que cómpre destacar a creación de catro spin-offs saídas de tres centros de coñecemento galegos (UVIGO, USC e Gradiant) que recibiron importantes recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional, como o investimento dun millón de euros que captou recentemente a spin-off da UVIGO, Alén Space, do fondo líder en transferencia tecnolóxica en España BeAble Capital e do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).

O programa Ignicia confírmase así como un instrumento útil para facilitar a transferencia dos resultados da investigación daqueles proxectos con potencial innovador ao mercado, contribuíndo así a rendibilizar social e economicamente o investimento público realizado en I+D nos centros de coñecemento de Galicia.

Dentes de tiburón para rexeneración ósea

Este biomaterial é froito da I+D levada a cabo polo grupo de Novos Materiais liderado por Pío González Fernández da Universidade de Vigo no marco dun proxecto europeo de economía circular para a valorización de recursos e descartes da pesca. A súa experiencia en materiais cerámicos e as abundantes descargas no porto de Vigo de pequenos tiburóns procedentes da pesca sustentable deron pé ao aproveitamento dos dentes dos escualos para obter cerámicas biocompatibles que permitan recuperar tecido óseo antes da colocación dun implante ou tratar ósos humanos danados por fracturas ou debido a un cancro. Os ensaios in vitro e as probas in vivo en pequenos animais demostraron a súa biocompatibilidade, non toxicidade e capacidade para promover a rexeneración ósea ao mesmo nivel que outros recheos comercializados.

Posteriormente, grazas ao apoio do Programa Ignicia puideron continuar coas probas in vivo, así como desenvolver actividades de marketing e comercialización, apoiados por profesionais especializados, e definir e executar unha estratexia de protección industrial da tecnoloxía. Isto permitiu achegar a tecnoloxía ao mercado e atraer o interese de varias empresas do sector biomédico, sendo a tecnoloxía finalmente transferida á multinacional española Ziacom Medical, especialista no deseño e fabricación de implantes e produtos para cirurxía bucal, maxilofacial e biomateriais.

Programa pioneiro en España

O Ignicia, que a Xunta puxo en marcha en colaboración coa Fundación Barrié no ano 2016, é o programa de referencia en transferencia de coñecemento da Axencia Galega de Innovación e o primeiro destas características en España. Ten como finalidade levar ao mercado os resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos con potencial de ser comercializada, é dicir, proxectos con potencial de xeración de retornos económicos no curto e medio prazo.

Trátase dun instrumento moi innovador no que a Xunta de Galicia comparte o risco de cada proxecto, ao tempo que garante a súa participación nos posibles beneficios.

Ademais do financiamento, o programa apoia a través de expertos e do equipo de traballo do programa aos promotores do proxecto no deseño dun plan de desenvolvemento e comercialización a medida, que inclúe actividades de maduración tecnolóxica e comercial. En total, a través das dúas convocatorias do programa apoiáronse 16 proxectos de universidades, centros tecnolóxicos e fundacións de investigación sanitaria, centrados en sectores con gran potencial de crecemento en Galicia como a biotecnoloxía, as TIC, o aeroespacial ou os novos materiais.

Estes proxectos teñen permitido a captación e retención de talento altamente cualificado en Galicia, están coordinados por investigadores de moi alto nivel e relevancia internacional, e ten permitido, ademais de asinar este acordo de licenza coa multinacional española Ziacom Medical, crear catro spin-offs baseadas en tecnoloxías punteiras.

Ademais, o programa Ignicia completouse recentemente con formación dirixida a xestores de transferencia e persoal investigador para mellorar as súas competencias e habilidades prácticas nos procesos de valorización e comercialización dos resultados da I+D e mellorar así a efectividade dos procesos de transferencia.