A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo unha xuntanza co rexedor de Brión, José Luís García

Ethel Vázquez trasládalle ao alcalde de Brión que a Xunta redactará o proxecto para acondicionar a estrada AC-543

O proxecto de mellora centrarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 8+380 e 9+780 da citada vía autonómica

Este tramo vai dende o límite co Concello de Ames ata o treito no que a Xunta executou a senda que comunica a urbanización Monte Devesa con Aldea Buio
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Brión, José Luís García, ao que lle trasladou o compromiso da Xunta para redactar o proxecto de acondicionamento da estrada AC-543.

Tal e como abordaron na reunión, o proxecto de mellora centrarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 8+380 e 9+780 da citada vía autonómica.

O tramo obxecto das actuacións vai dende o límite co Concello de Ames ata o treito no que o Goberno galego executou a senda peonil e ciclista que comunica a urbanización Monte Devesa con Aldea Buio.

O proxecto definirá as actuacións necesarias para incrementar a seguridade viaria nesta estrada. Neste sentido, analizaranse os traballos precisos para a rehabilitación da capa de rodadura, a substitución de beirarrúas ou a mellora da sinalización.

Cómpre precisar que as actuacións previstas nesta estrada non precisan da realización dun procedemento expropiatorio.

A Xunta continúa a colaborar cos municipios para resolver as súas carencias en materias de infraestruturas e proporcionarlles aos cidadáns unha rede viaria eficaz e segura que redunde na mellora da calidade de vida e no incremento da competitividade.