A Xunta informou hoxe ao Concello de Cambre sobre as melloras que contemplan os novos contratos de transporte público

O Plan de Transporte Público mellora a mobilidade dos veciños de Cambre co reforzo das conexións de autobús co centro urbano e os hospitais da Coruña ou cos polígonos industriais da contorna

Os novos contratos contemplan unha nova liña que conecta as parroquias de Sigrás, A Rocha, Altamira e Sta. María de Vigo cos hospitais

Outra ruta comunica o centro de Cambre co Materno Infantil, o CHUAC e o Hospital Abente y Lago, con 6 expedicións diarias, de luns a venres

O plan inclúe catro novos servizos cara Á Coruña, de paso pola Avenida de Alfonso Molina e chegada a Entrexardíns

Porase en marcha unha ruta aos polígonos do Espíritu Santo, Bergondo e Sada e outra dende A Barcala e o Temple aos parques empresariais da Coruña e Arteixo

Ampliarase a liña Entrexardíns- Universidade Laboral- Os Campóns para mellorar o servizo dos estudantes do IES David Buján

Tamén se incorpora unha nova liña circular de conexión directa da Barcala co Burgo, pero tamén co aeroporto mediante 16 novos servizos ao día, un por hora

Prestarase un percorrido entre Entrexardíns e o Parque Acuático de Cerceda, pasando por Cambre, con dúas expedicións todos os días, en xullo e agosto

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020

O Plan de Transporte Público de Galicia mellora a mobilidade dos veciños de Cambre co reforzo de conexións de autobús co centro urbano e cos hospitais da Coruña ou cos polígonos industriais da contorna.

O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na Coruña, José Antonio Álvarez, informou hoxe a representantes do Concello Cambre, sobre as melloras que os novos contratos de transporte público suporán neste municipio.

O novo plan reforza o enlace deste municipio cos hospitais da Coruña. Así, actívanse dúas novas liñas, unha que conecta as parroquias de Sigrás, A Rocha, Altamira e Sta. María de Vigo cos hospitais, con 3 expedicións de ida e 3 de volta, de luns a venres.

A outra nova liña comunica o centro urbano de Cambre co Materno Infantil, o CHUAC e o Hospital Abente y Lago, con 6 expedicións diarias, 3 idas e 3 voltas, de luns a venres, con saídas ás 7, 14 e 21 horas dende a capitalidade municipal. Ademais, este percorrido pasa pola Costa da Tapia, pola N-VI, tal e como solicitaba o propio Concello.

A mellora do acceso aos polígonos industriais da contorna tamén está contemplada nos novos contratos, que recollen unha liña que enlaza Cambre cos parques do Espíritu Santo, o de Bergondo e Sada, con 16 expedicións diarias de, de luns a venres en días laborais.

Existe outra ruta que dá cobertura ás parroquias da Barcala e o Temple cos parques empresariais da Coruña e Arteixo, con 32 expedicións diarias, 16 de ida e 16 de volta, de luns a venres.

Amplíase a liña Entrexardíns- Universidade Laboral- Os Campóns, tal e como solicitou o Concello, de cara mellorar o servizo dos estudantes do IES David Buján. Nesta ruta inclúense 4 novos servizos en sábado, domingo e festivo.

As conexións entre o Concello de Cambre e os de Oleiros, Sada, Culleredo e A Coruña veranse notablemente incrementadas. Así, dispóñense catro novos servizos de paso pola Avenida Alfonso Molina e chegada a Entrexardíns, resultando 33 servizos nun día laborable.

Os servizos de núcleos como Barrié, Cecebre ou O Bosque mellorarán as súas comunicacións coa conexión do Campus Universitario da Coruña mediante a modificación do itinerario entre a estación de autobuses da Coruña e Montouto, que pasa a discorrer pola Avenida de Alfonso Molina.

No que se refire aos servizos que transcorren polo Concello de Cambre, incorpórase unha nova liña circular que permite a conexión directa da Barcala co Burgo, pero tamén co aeroporto mediante 16 novos servizos ao día, un por hora.

Ademais porase en servizo un percorrido entre Entrexardíns e o Parque Acuático de Cerceda, pasando por Cambre con dúas expedicións todos os días, nos meses de xullo e de agosto.