A Xunta amosa o seu apoio á moda galega na Fashion Week de Madrid para que se consolide como un referente internacional

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu ao debut neste evento da firma Pertegaz da que a galega Jealfer ten a licenza nas liñas prêt-à-porter feminina e masculina

Deseñada polo galego Jorge Vázquez, a produción dos tecidos planos, a sastrería e o punto da colección realizouse en obradoiros de Lalín e Boiro

Madrid, 31 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu onte ao debut da firma Pertegaz -da que a galega Jealfer ten a licenza das liñas prêt-à-porter tanto feminina como masculina- na Mercedes Benz Fashion Week Madrid 2020. No desfile, no que colaborou Galicia Calidade, o deseñador galego Jorge Vázquez presentou a colección de outono inverno 2020-2021 na que a produción de tecidos planos, a sastrería e o punto se realizou en Galicia, en obradoiros de Lalín e Boiro.

Conde destacou que a Comunidade é un referente mundial no eido da produción, deseño e vendas do sector téxtil e que é a primeira exportadora a nivel nacional grazas non só a empresas como Inditex, senón a través de máis de 500 marcas como Adolfo Domínguez -Premio Nacional da Moda de 2019-; Roberto Verino -que tamén estivo presente na Mercedes Benz Fashion Week-, Purificación García, Kina Fernández, Isabel Núñez ou Florentino.

O téxtil representa o 26,06% do VAB galego cunha facturación de 23.972 M€, máis de 50.000 postos de traballo e unhas exportacións, de xaneiro a novembro de 2019, de 5.867 M€ -un 3,9% máis que no ano anterior-. A Xunta acompaña este crecemento do sector con apoios a proxectos para emprendemento, innovación, financiamento ou internacionalización que, na última década, chegaron a 1177 iniciativas que mobilizaron preto de 100 M€.

Imaxes relacionadas