Guadi Galego recibirá o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado o 20 de febreiro en Madrid

Euskadi, Cataluña, Galicia, Valencia, Navarra e Baleares entregarán o galardón concedido á artista galega en novembro polo seu último traballo discográfico multilingüe 'Immersion', integrado por músicas cantadas en sete linguas peninsulares

O premio recoñece o labor realizado por persoas, entidades ou empresas no ámbito da defensa e a promoción da diversidade lingüística de España e enmárcase no Protocolo de colaboración en materia de política lingüística

Os seis gobernos conmemoran conxuntamente o Día Internacional da Lingua Materna ofrecendo un concerto da artista galega e colaboradores ese mesmo día en Callao City Lights

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

Os gobernos autonómicos de Euskadi, Cataluña, Galicia, Valencia, Navarra e Illas Baleares entregarán o próximo 20 de febreiro en Madrid o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español concedido á artista Guadi Galego polo seu último traballo Immersion o pasado mes de novembro en Bilbao, na xuntanza ordinaria da Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan as seis comunidades con linguas propias.

O galardón, instaurado en 2008 con motivo do Ano Internacional das Linguas promovido pola Unesco, recoñece o labor realizado por persoas, entidades ou empresas no ámbito da defensa e a promoción da diversidade lingüística de España e a contribución á difusión das linguas oficiais xunto co castelán. Concedido nas súas edicións anteriores a empresas como Microsoft ou Eroski, trátase da primeira vez que as ditas comunidades deciden outorgarllo a unha persoa particular, neste caso, a unha artista con proxección e recoñecido prestixio no ámbito musical galego. Immersion está integrado por músicas cantadas en sete linguas da Península Ibérica (galego, éuscaro, catalán, aranés, asturiano, portugués e castelán) e conta, entroutras, con colaboracións de artistas das diferentes comunidades.

Os responsables institucionais, Miren Dobaran, viceconselleira de Política Lingüística do Eusko Jaurlaritza-Goberno Vasco; Ester Franquesa, directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Rubén Trenzano, director xeral de Política Lingüística e Xestión do Multilingüismo da Generalitat Valenciana; Mikel Arregi, director xerente de Euskarabidea/Instituto Navarro do Éuscaro do Nafarroako Gobernua-Goberno de Navarra, e Agustina Vilaret e Beatriu Defior, secretaria de Universidade, Investigación e Política Lingüística e directora xeral de Política Lingüística do Govern Illes Balears, respectivamente, participarán no acto de entrega, que se celebrará no Círculo de Belas Artes.

Cita posterior con Guadi Galego en Callao City Lights

Posteriormente ao acto de entrega, ese mesmo día, 20 de febreiro, na véspera da efeméride do Día Internacional da Lingua Materna impulsada pola Unesco cada 21 de febreiro, as seis comunidades preparan unha conmemoración conxunta e ofrecen un concerto da artista galega en Callao City Lights/Cines Callao, ás 20,00 horas, no que participarán, entroutros colaboradores do disco Immersion o artista vasco Mikel Urdangarin, a aranesa Alidé Sans, a catalana Clara Peya e a cordobesa Vega. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, aínda que cómpre confirmación e retirada previa de convites desde mañá, 31 de xaneiro, no portal web Eventbrite.

Imaxes relacionadas