Medio Ambiente e Concello de Ourense avanzan na próxima adhesión da cidade ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá co tenente de alcalde de Ourense, Jorge Pumar, para abordar posibles vías de colaboración da Consellería en materia de xestión de residuos e a loita contra o cambio climático

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

O Concello de Ourense prepara a súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha iniciativa impulsada hai máis dunha década a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático. Este foi un dos principais asuntos que abordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o tenente de alcalde de Ourense, Jorge Pumar, quen lle trasladou que o Concello xa está a traballar nos trámites e pasos previos necesarios para facer efectiva a súa incorporación.

Neste sentido, a conselleira felicitou ao edil ourensán pola decisión de sumarse a unha iniciativa que desde finais do ano 2017, a Xunta coordina e lidera en Galicia. Cómpre lembrar que, nestes momentos, o Pacto dos Alcaldes conta coa participación activa de 174 municipios galegos aínda que hai máis entidades locais en trámites de adhesión polo que a cifra está en constante crecemento. Ourense, ademais, sumaríase ás cidades de Lugo, Santiago, Ferrol e A Coruña, que xa deron un paso neste sentido.

Pola súa parte, o tenente de alcalde ourensán aproveitou a xuntanza para interesarse e coñecer de primeira man os pasos que deberá seguir agora o municipio de cara a oficializar a súa incorporación ao pacto e agradeceu o labor de apoio e asesoramento que brinda neste sentido a Consellería tanto á hora de animar ás entidades locais a participar como posteriormente, a través da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes en Galicia.

Así mesmo, Ángeles Vázquez e Jorge Pumar tamén abordaron outros asuntos de interese para o Concello de Ourense relacionados con outras áreas competenciais da Consellería. Ambos responsables abordaron a xestión dos residuos urbanos no municipio e as posibles vías de colaboración entre a Administración galega e a local co fin de mellorar este servizo.

Concretamente, Jorge Pumar trasladoulle á conselleira o interese do concello en darlle un pulo á instalación do quinto contedor ou contedor marrón na cidade, algo ao que o animou a propia conselleira, incidindo na importancia de separar e depositar os chamados biorresiduos en instalacións deseñadas ao efecto. Neste sentido, lembroulle tamén a liña de axudas que ofrece o seu departamento ás entidades locais para mellorar a xestión dos residuos urbanos e para a cal nas contas de 2020 se reserva unha partida de 2,6 M€.

Imaxes relacionadas