A Xunta subvencionou 26 proxectos liderados por mulleres na provincia de Ourense ao abeiro do programa Emega

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe unha farmacia na localidade de Castrelo de Miño que contou cunha axuda deste programa


A práctica totalidade dos apoios na provincia van dirixidos a promover a posta en marcha de novos proxectos de negocio que crean emprego por conta propia e allea

Castrelo de Miño (Ourense), 30 de xaneiro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, indicou hoxe que grazas ao Programa Emega foron subvencionados na provincia de Ourense 26 proxectos liderados por mulleres, que contaron con axudas por importe de 260.000 euros e que permitiron a creación de 35 empregos femininos, dos que 27 son por conta propia e oito indefinidos por conta allea.

Díaz Mouteira visitou esta mañá unha farmacia emprazada en Castrelo de Miño que presentou un dos proxectos que contou co apoio do Programa Emega. Concretamente recibiu unha subvención de 20.000 euros da liña Emprende para botar a andar un proxecto de venda de productos farmacéuticos. Grazas aos apoios autonómicos este proxecto xerará tres postos de traballo femininos: o da promotora (por conta propia) e o de dúas empregadas (indefinidos por conta allea)

Para favorecer o emprego e o emprendemento feminino, a Xunta puxo en marcha en 2009 o programa Emega, como medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, que persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo, que nos últimos anos foron 1.275.

A representante do Executivo galego explicou que das 26 iniciativas empresariais beneficiadas en Ourense por estas axudas, 25 se corresponden coa liña ‘Emprende’ destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego por conta propia e allea, e unha delas, ademais, tamén obtivo a axuda complementaria da liña ‘Concilia’, dirixida a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Por último, un dos proxectos ourensáns acolleuse ás achegas da liña ‘Activa’ para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa.

Entre os proxectos apoiados, ademais desta farmacia, figuran negocios relacionados coa hostalería, comercio, xoiería, estética e perruquería, podoloxía, zapataría, centro de día, formación, fisioterapia, deseño gráfico, ilustración e banda deseñada, servizos de aloxamento web ou atención infantil.

Imaxes relacionadas