Galicia recela da resposta de Transición Ecolóxica sobre Costas ao atribuír incorrectamente competencias estatais ao Goberno galego e non rexeitar a modificación do regulamento

A resposta á carta enviada por tres conselleiros da Xunta o 5 de decembro do ano pasado foi recibida este mesmo mediodía polo departamento de Medio Ambiente por correo ordinario e despois de que o Goberno central fixese público o seu contido a través dun medio de comunicación sen que os membros do Executivo galego tivesen coñecemento dela

A Administración galega considera este feito unha tomadura de pelo ás galegas e galegos por tratarse dunha grave falla de lealdade institucional tras case dous meses agardando as aclaracións da ministra sobre a resolución que compromete a viabilidade dunha empresa con máis de 130 empregados no concello de Boiro

Na misiva recibida hoxe por Medio Ambiente, o Estado mantén abertamente a intención de reformar a lexislación sen desbotar en absoluto a idea de retomar a súa tramitación en calquera momento

O Executivo galego advirte de que o Goberno central está a aplicar o regulamento en vigor de xeito hiperrestritivo, malia que non se teña producido aínda a modificación na que veu traballando polo menos ata outubro de 2019, cando o Estado mantivo reunións de grupos de traballo con distintos colectivos para abordar esta reforma

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia recela da resposta recibida por parte da Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Goberno do Estado sobre a modificación do regulamento xeral de Costas pois nela atribúense incorrectamente competencias estatais ao Executivo galego e tampouco se rexeita definitivamente a modificación desta normativa, que poría en risco a actividade de numerosas empresas do complexo mar-industria de Galicia, entre conserveiras, cocedoiros ou depuradoras.

O Goberno autonómico -concretamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- recibiu este mediodía por correo ordinario a misiva do Executivo central na que dá resposta a unha carta enviada por tres conselleiros da Xunta o pasado 5 de decembro onde lle transmitían a súa preocupación por unha reforma lexislativa que poñía en risco a viabilidade de máis dun cento de empresas en Galicia, entre elas a dunha firma de Boiro con máis de 130 traballadores.

Esta resposta foi recibida este mediodía despois de que o Goberno do Estado fixese público o seu contido a través dun medio de comunicación e sen que tivese coñecemento da súa existencia ningún membro do Executivo galego, algo que a Xunta considera unha tomadura de pelo ás galegas e galegos. A Administración galega entende que se trata dunha grave falla de lealdade institucional tras case dous meses agardando as aclaracións da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, sobre a resolución que compromete o futuro desa empresa de Boiro.

Non obstante, lonxe de disipar os temores sobre o futuro da cadea mar-industria de Galicia, a carta enviada pola Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico insiste en que o Estado mantén abertamente a intención de reformar a lexislación sen desbotar en absoluto a idea de retomar a súa tramitación en calquera momento.

Esta situación preocupa ao Executivo galego pois ve ademais como o Estado está a aplicar xa de xeito hiperrestritivo o regulamento en vigor, malia que non se ten producido aínda a modificación na que veu traballando polo menos ata outubro de 2019, cando o Goberno central mantivo reunións de grupos de traballo con distintos colectivos para abordar esta reforma da normativa que rexe na zona de dominio público marítimo-terrestre. Froito deste escenario, algunhas empresas xa viron como a renovación das súas prórrogas se producía por un tempo inferior a un ano.

Esta situación deixa entrever a tendencia cara a falla de estabilidade e falla de seguridade xurídica iniciada polo Goberno estatal neste eido. De feito, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa mostrou onte as súas dúbidas de que o Goberno socialista teña a intención de dar seguridade xurídica ao sector pois, lembrou, na anterior modificación da lei de Costas, o PSOE -que estaba na oposición- levou ante o Tribunal Constitucional precisamente a modificación da duración das prórrogas de ocupación da zona de dominio público marítimo-terrestre, en contra da seguridade xurídica das empresas instaladas nela.

A Xunta lembra que a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas, da que Galicia viña advertindo desde abril do ano pasado, poñía en risco como mínimo a máis dun cento de empresas do complexo mar-industria galego, como depuradoras, cetáreas, cocedoiros ou fábricas de conservas, o que se traduciría nun freo para todo o sector marítimo-pesqueiro da comunidade. Os cambios provocarían tamén inseguridade xurídica noutras máis de 5.000 edificacións repartidas por todo o litoral de Galicia como colexios, estacións depuradoras de augas residuais ou centros de saúde.

Por iso, a Xunta solicita que se garanta ao máximo o principio de seguridade xurídica e que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio en función do Goberno de turno e que inciden na súa actividade.