Cores Tourís comproba o remate das obras de mellora de dous camiños nos lugares de Barreiro e Rapeira, no Concello de Portas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que se inclúe dentro do Plan de Infraestruturas Rurais 2019-20

As obras contaron cun orzamento de 47.753 euros

Pontevedra, 29 de xaneiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá, en compaña do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, as obras executadas por este municipio a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2019 en dous camiños de Barreiro e Rapeira.

O delegado territorial destacou os case 47.753 euros destinados para a pavimentación de varios camiños nestes lugares, executados a través do Plan Marco de Camiños Municipais 2019-20.

No caso da mellora destas vías, as obras consistiron nunha nova pavimentación con dobre e triple rega asfáltica, escavación e limpeza de cunetas, roza de vexetación herbárea e aplicación dunha base de zahorra artificial.

No ano 2018-19, o concello tamén levou a cabo, cunha axuda similar, a mellora de varios camiños en Portas e Briallos. Para o próximo ano, o municipio ten preparado un proxecto de cara a levar a cabo obras en varios camiños de acceso a explotacións agrarias.

Cores Tourís destacou o interese deste concello por continuar a desenvolver obras de mellora destas vías rurais, recordando que dende 2016, o concello recibiu un total de 195.090 para a execución de diversas melloras en infraestruturas rurais.

O delegado territorial recordou que, a través destes plans de mellora de camiños municipais, a Consellería de Medio Rural pretende facilitar a ampliación, a mellora ou o mantemento dos camiños municipais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. “Estes camiños permiten”, segundo engadiu Cores Tourís, “o acceso ás entidades de poboación nas que se asentan vivendas de poboación rural, e supoñen os canais de entrada e saída das producións rurais, dende leite ata artesanía, que necesitan os negocios da contorna”.

Deste xeito, o obxectivo que se marca a Xunta de Galicia é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e outras infraestruturas.

“Estas vías xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo no medio rural; en particular, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, e por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado”, matizou Cores Tourís.

Para o período 2019-20 a Xunta e Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, mantivo o orzamento de anos anteriores, destinando 3,2 millóns de euros aos concellos da provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas