Román Rodríguez salienta o investimento de máis de 150.000 euros para impulsar o turismo rural en Ribadavia

O conselleiro de Cultura e Turismo visitou coa delegada territorial da Xunta en Ourense e o alcalde da vila as obras de embelecemento no núcleo rural de Sanín

A actuación permitiu renovar a pavimentación da zona, acometer melloras na rede de abastecemento e repoñer as reixas de entradas ás vivendas

Lembrou o compromiso do Goberno galego con este municipio no ámbito cultural tras investir 60.000 na mellora e rehabilitación

Ribadavia (Ourense), 29 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou hoxe o investimento de máis de 150.000 euros para impulsar o turismo rural no concello de Ribadavia. Fíxoo durante unha visita ao núcleo rural de Sanín, onde se realizaron actuacións de embelecemento por un importe de preto de 80.000 euros, na que estivo acompañado polo alcalde da vila, César Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Esta actuación permitiu renovar a pavimentación do camiño principal deste núcleo e a rede de abastecemento, así como repoñer as reixas de entradas ás casas. O responsable de Cultura e Turismo do Goberno galego destacou a importancia de acometer este tipo de actuacións para impulsar o turismo rural en núcleos como Ribadavia, onde este sector supón un importante estímulo económico que axuda a crear emprego e fixar poboación.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego investiu máis de 65.000 en accións de impulso ao turismo neste municipio no último ano, entre os que se inclúen accións como a recuperación e posta en valor do Parque Robla, a promoción da festa da Istoria e a feira do Viño do Ribeiro –declaradas de Interese Turístico Nacional e de Interese Turístico Galego, respectivamente– ou financiamento para contratar persoal da oficina de turismo da localidade.

Subliñou tamén outras actuacións neste eido como a sinatura dun convenio para a realización de actividades de promoción e información turística do xeodestino O Ribeiro e, no eido cultural, resaltou o investimento de 60.000 euros para a rehabilitación e mellora da Casa da Cultura de Ribadavia

Aposta por un turismo sustentable

As actuacións no núcleo rural de Sanín, froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Ribadavia, enmárcanse nos obxectivos da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que busca consolidar a nosa Comunidade como un destino competitivo baseado en principios como a calidade e a sustentabilidade. Con esta finalidade, o Goberno galego busca potenciar elementos como o patrimonio material e inmaterial de cada zona, a súa cultura e os valores que diferencian e vertebran as distintas zonas do territorio, fomentando experiencias turísticas propias e singulares.

Imaxes relacionadas