A Consellería de Cultura e Turismo presenta no Arquivo Histórico Provincial a exposición Tempo de infancia

A mostra inclúe preto dun centenar de fotografías que abranguen dende o ano 1942 ao 1997, a maioría de José Luís Vega, e documentos orixinais dos fondos de Educación e do Goberno Civil

Permanecerá exposta ata o 30 de abril, con entrada libre e gratuíta de luns a venres e a posibilidade de realizar visitas guiadas para grupos

Lugo, 29 de xaneiro de 2020

A Consellería de Cultura e Turismo presenta no Arquivo Histórico Provincial a exposición Tempo de infancia, que será inaugurada mañá ás 19.00 horas e se enmarca no conxunto de accións de difusión entre a cidadanía dos fondos documentais e fotográficos que custodia este centro.

Nesta ocasión, expoñeranse 97 fotografías xunto con 49 documentos orixinais dos fondos de Educación e do Goberno Civil. A maioría das fotografías foron tomadas por José Luís Vega, abranguen cronoloxicamente o período 1942-1997 e están agrupadas en sete seccións: “Tempo de saúde”, “Tempo de familia”, “Tempo de aprender”, “Tempo de lecer”, “Tempo de festa”, “Tempo de deporte”, e “Tempo de traballo”.

Con esta compilación, o Arquivo Histórico trata de reflectir todos os aspectos da vida pública e privada da infancia que é, dalgún xeito, a de toda a sociedade. Este período temporal tan amplo permite, por unha banda, apreciar a evolución sociolóxica ao longo destes anos, e por outra establecer as comparacións pertinentes coa realidade actual.

A mostra serve, por tanto, para ilustrar os cambios, lembrar escenarios e rememorar episodios vividos, ou ben ensinar aos nenos e nenas do presente como viviron a infancia os seus pais e avós, como eran, se divertían, traballaban ou estudaban.

Os documentos estrutúranse en catro grupos que mostran a presenza de nenos e nenas nas escolas, as organizacións xuvenís, a acción de profesionais do ensino, e documentos creados polos propios escolares que tamén custodia o Arquivo, que se deben á súa participación en actividades sobre diversas efemérides como o Día do Libro ou o aniversario da Constitución.

A mostra permanecerá aberta ata o 30 de abril na sala de exposicións do Arquivo. A entrada é libre e gratuíta e pode visitarse de luns a venres entre as 8:30 e as 20:30 horas. O centro ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas para centros de ensino e grupos diversos aos que lles poida resultar de interese.