Cultura e Turismo convoca os cursos preparatorios das probas de acreditación do Celga para 2020

O Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua Galega fan pública hoxe a resolución pola que se convocan 11 cursos presenciais e 24 en liña

Coa posta en marcha do Celga 2 en liña, a Xunta completa esta modalidade de oferta formativa nos catro niveis de coñecemento de galego que se poden acreditar mediante exame oficial

O prazo de presentación de solicitudes ábrese desde mañá ao 19 de febreiro na sede electrónica da Administración autonómica

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

A Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca hoxe os cursos preparatorios das probas de acreditación do Celga nas modalidades tanto presenciais coma en liña para o ano 2020. A teleformación inclúe este ano por primeira vez cursos do nivel Celga 2, que se suman aos dos niveis Celga 1, Celga 3 e Celga 4 xa existentes, e que completan esta modalidade de oferta formativa nos catro niveis de coñecemento de galego que se poden acreditar mediante exame oficial. Así se recolle hoxe na resolución que publican o Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (código de procedemento PL600A).

A convocatoria ofrece un total de 35 cursos, 11 dos cales se impartirán na modalidade presencial, en tanto que os 24 restantes se ofrecen na de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá, 30 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de febreiro na sede electrónica da Administración autonómica: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PL600A). Cada persoa poderá solicitar un único curso.

Cursos en liña

Dos 24 cursos en liña que se desenvolverán este ano, tres estarán centrados no nivel Celga 1, cinco no Celga 2, seis no Celga 3 e dez no Celga 4. Co fin de garantir que a oferta formativa chegue ao maior número de persoas posible, ábrese en todos os niveis a posibilidade de acceso desde calquera punto xeográfico para favorecer así a normalización lingüística nos territorios galegofalantes limítrofes e o acceso á formación en lingua galega da colectividade galega do exterior.

Modalidade presencial

A oferta formativa en liña convive coa presencial na convocatoria de cursos para 2020. Así, baixo a modalidade presencial tradicional convócanse un total de 11 cursos dos niveis 2, 3 e catro en cidades galegas. Estes desenvolveranse de luns a xoves, en horario de tarde, entre o 16 de marzo e o 8 de maio de 2020. A oferta formativa presencial da Secretaría Xeral de Política Lingüística compleméntase coa que está a desenvolver a Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidade por medio das escolas oficiais de idiomas no ano académico en curso, na que se inclúen un total de 34 cursos preparatorios das probas de acreditación do Celga previstas para o mes de xuño.

Imaxes relacionadas