A Xunta de Galicia abre unha nova unidade na escola infantil de Carril e reincorpora ao persoal trasladado

Informouse ás familias desta medida coa que o centro volverá contar cun cadro de persoal de 12 profesionais de atención educativa, por encima do que esixe a normativa

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia informou ás familias da escola infantil de Carril de que a partir do vindeiro mes de febreiro regresa o persoal trasladado á de Vilaxoán, ambas as dúas situadas no concello de Vilagarcía de Arousa. Deste xeito, aténdese á entrada en funcionamento da sexta unidade do centro de Carril, como consecuencia da incorporación das nenas e nenos que solicitaron unha praza durante o período extraordinario de decembro.

Con esta medida, o centro de Carril volverá contar cun cadro de persoal de 12 profesionais de atención educativa, moi superior ao esixido pola normativa vixente co obxectivo de garantir unha maior calidade na prestación do servizo. Ademais, tamén se incorporará unha persoa na categoría de servizos xerais, que se manterá no centro mentres que estean en servizo as seis unidades.

O obxectivo da Xunta é que os recursos públicos sexan prestados coa maior eficacia e eficiencia, así como ofrecer a resposta máis axeitada ás familias que confían ás escolas infantís públicas autonómicas o coidado das súas fillas e fillos. Por iso, no caso deste centro de Carril, para atender o incremento da matrícula auméntase o cadro de persoal.