A Xunta apela á industrialización do rural galego a través de empresas como TMC Cancela que apostan pola dixitalización e a formación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, realizou hoxe unha visita a esta compañía de Tordoia, especializada en maquinaria agrícola e forestal

Eloxiou a adopción de fórmulas innovadoras por parte da empresa de cara á súa internacionalización, incluíndo a incorporación de dinámicas 4.0 á súa produción

A Xunta conta cunha liña específica de axudas á dixitalización para o tecido empresarial, valoradas en 2,2 millóns de euros, que ofrecerá apoios a 112 empresas, impulsando a interconexión dixital, a adquisición de material e a colaboración con grupos de traballo especializados en I+D+i

Tordoia (A Coruña), 28 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, realizou hoxe unha visita á empresa TMC Cancela, especializada en maquinaria agrícola e forestal, da que destacou que sexa un exemplo de industrialización do rural galego. A compañía, sita en Tordoia, conta cunha capacidade de produción que supera as 2.000 unidades ao ano

Conde eloxiou o compromiso da empresa por desenvolver estratexias de crecemento e de diversificación de mercados na procura dunha maior proxección internacional; unha estratexia supeditada á adopción de fórmulas baseadas na innovación e no modelo 4.0.

O titular de Economía, Emprego e Industria salientou a necesidade do tecido empresarial galego de adoptar este tipo de fórmulas para asegurar a súa competitividade nos mercados globais e o fortalecemento dos novos talentos galegos. Deste modo, o conselleiro chamou a investir en innovación e en formación como eixos de desenvolvemento, ofrecendo un produto diferenciado e contando con profesionais máis cualificados.

Neste eido, Conde destacou o compromiso da Xunta por blindar as competencias dixitais do tecido empresarial, que inclúe unha liña específica de axudas á dixitalización dotada con 2,2 millóns de euros, e que beneficiará a 112 empresas mediante o impulso á interconexión dixital, á adquisición de material, e á colaboración con grupos de traballo especializados en I+D+i. Prevese que estas axudas mobilizarán preto de 5,5 millóns de euros.

Apoios á innovación e á formación

Esta liña de axudas inclúese dentro da partida específica para a transformación dixital recollida nos orzamentos de 2020, da que xa están activados os primeiros 67 millóns de euros, dirixida particularmente ás pemes, e coas que a Administración quere asegurar tanto un emprego de calidade como unha perspectiva común pola innovación do tecido empresarial.

Entre os programas incluídos nesta partida atópase a nova Maquinaria 4.0, dotada con 2 millóns, que favorecerá unha maior fortaleza nos profesionais da fabricación de maquinaria galega, e que apoia 5 proxectos nesta edición; ou unha liña para o desenvolvemento dos centros de fabricación avanzada, con 16 millóns ata 2022 e que busca a creación de espazos transversais para ofrecer servizos como infraestruturas ou loxística.

Dentro desta aposta por contar cun maior talento mozo, a Administración autonómica dispón dun novo programa para a contratación e formación da mocidade, con 7 millóns de orzamento; o programa Profesionais 4.0, que promove a contratación de titulados universitarios e técnicos superiores de FP ata os 35 anos, e que beneficiará a 85 pemes, facilitando a inserción laboral de 160 persoas; ou o programa Principia da Gain, que ofrece a posibilidade de contratación por 1 ano para xente moza en proxectos de I+D+i en empresas e organismos públicos, e do que se teñen beneficiado 442 persoas ata o momento.

Imaxes relacionadas