O conselleiro de Sanidade subliña o compromiso dos cidadáns coa doazón de sangue e lembra a necesidade de aumentar as reservas dos grupos Cero Negativo, A Positivo e B Positivo

Vázquez Almuiña doou hoxe na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue que visitou os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro

ADOS achegarase esta semana máis de corenta concellos galegos co obxectivo de obter entre 400 e 500 doazóns diarias

Santiago, martes 28 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, doou sangue hoxe nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.

O conselleiro de Sanidade apelou a xenerosidade e solidariedade dos cidadáns para que doen sangue, e que, aínda que, coma sempre, o chamamento é xeneralizado á participación de todos os doadores e doadoras, nestas semanas, estase a precisar un aumento de doazóns dos grupos A Positivo, Cero Negativo e B Positivo.

O conselleiro de Sanidade lembrou que ao longo da presente semana as unidades móbiles de ADOS visitaran máis de concellos galegos para facilitar o acceso á doazón dos cidadáns, un esforzo significativo ao que hai que engadir a posibilidade de participar nos sete locais permanente de atención ao doador de sangue, existentes nas sete grandes cidades galegas.

Así mesmo, desde ADOS lembran que esta mesma semana principia a segunda fase da campaña de doazón en centros educativos, universitarios e non universitarios. Esta campaña, que despraza as unidades móbiles da Axencia ata as inmediacións dos centros educativos, desenvolverase ata o vindeiro mes de maio e supón o primeiro contacto coa doazón de sangue dos máis novos e novas.

Campañas informativas

A Consellería de Sanidade lembra que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida aos cidadáns e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a desenvolver iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.

Para iso pon a disposición da cidadanía a súa web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.es; o teléfono de información gratuíto; 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

Imaxes relacionadas