A Xunta autoriza a inclusión do arquivo da Fundación Exponav no Sistema de Arquivos de Galicia

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presidiu o Consello de Arquivos de Galicia que se reuniu hoxe e valorou positivamente esta proposta

O encontro tamén serviu para avanzar na creación dun Plan de Arquivos do Goberno autonómico
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presidiu hoxe o Consello de Arquivos de Galicia que se celebrou na Cidade da Cultura e que, na súa cuarta sesión, autorizou a inclusión do arquivo da Fundación Exponav no Sistema de Arquivos de Galicia. Ademais deste punto, o encontro tamén serviu, entre outras cousas, para avanzar na creación dun Plan de Arquivos do Goberno autonómico.

Neste sentido, despois do informe favorable por parte do Consello de Arquivos, incluirase o arquivo da Exposición Nacional de Construción Naval (Exponav) ao Sistema de Arquivos da Comunidade Galega. Trátase dun fondo de gran interese cuxa función é dar a coñecer o extenso contido de documentación técnica especializada en construción naval que reflicte a orixe e evolución histórica dos estaleiros españois, así como o desenvolvemento das construcións efectuadas.

Os fondos custodiados por esta institución sen ánimo de lucro permiten fomentar o coñecemento de todo o relativo á construción naval española, en particular desde o século XVIII, e están formados por planos de proxectos de construción naval en papel vexetal (más de 37.000), debuxos técnicos de detalle en microfichas e material fotográfico complementario (máis de 70.000 imaxes, en formato analóxico e dixital).

Por outra banda, nesta sesión tamén se abordou posta en marcha de ARQA, un novo sistema tecnolóxico de información deseñado pola Xunta de Galicia para a xestión documental arquivística que se atopa en proceso de implantación. Trátase dunha ferramenta que permite a súa utilización polos diferentes arquivos integrados no Sistema de Arquivos de Galicia, así como polos arquivos dependentes doutras administracións e de institucións de carácter privado.

Plan de Arquivos de Galicia

O encontro celebrado hoxe do Consello de Arquivos de Galicia permitiu avanzar na creación do Plan de Arquivos de Galicia, a liña de traballo para a avaliación de necesidades de persoal e de infraestrutura dos arquivos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia.

Trátase dun plan, do que hoxe se presentou o primeiro borrador e que finalmente terá que ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, no que se recollen medidas para o conxunto dos arquivos e que está baseado en dous obxectivos estratéxicos: impulsar o desenvolvemento da xestión documental e fortalecer o Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia como elementos clave para unha xestión eficaz e eficiente das Administracións públicas e promover a conservación, acceso e difusión do patrimonio documental de Galicia.
 

Imaxes relacionadas