Seis empresas presentan oferta para reformar as plantas superiores do edificio administrativo de Benito Corbal

Actualmente, as ofertas están en fase de valoración e espérase que o contrato poida estar adxudicado no segundo trimestre

As plantas 5ª, 6ª e 7ª estarán a disposición da Universidade de Vigo e a planta 8ª albergará a Fundación Manuel Moldes

Pontevedra, 26 de xaneiro de 2020

Seis empresas presentaron a súa oferta para encargarse da reforma das plantas superiores do edificio administrativo de Benito Corbal, en Pontevedra. Actualmente, as súas propostas están en fase de valoración, coa previsión de que o contrato poida estar adxudicado no segundo trimestre.

Toda a información referida ao procedemento, que ten un importe de licitación de algo máis de 825.000 euros, pode consultarse na plataforma de Contratos de Galicia.

Os traballos centraranse en acondicionar as plantas 5ª, 6ª e 7ª, que se porán a disposición da Universidade de Vigo, e a 8ª, que será ocupada pola Fundación Manuel Moldes.

As obras terán un prazo de execución previsto de 6 meses, polo que o edificio podería estar plenamente operativo a finais de ano.

Cómpre recordar que o resto do edificio xa foi reformado e acondicionado nunha primeira fase que abrangueu desde o soto á planta 4ª. Grazas a estes traballos, xa están funcionando no edificio e no centro da cidade as oficinas de emprego e os locais destinados ás asociacións, entidades sen ánimo de lucro, con fins de interese social, cultural, deportivo, ou sanitario. Ademais, tamén se habilitaron outros espazos de usos xerais como un salón de actos, que xa acolleu ata o momento varios eventos.

O orzamento total investido na reforma do edificio ascende a 5 millóns de euros, que permitiron recuperar para o uso público os case 6.000 metros cadrados deste edificio situado no centro da cidade de Pontevedra. Os traballos de rehabilitación recuperaron así para a cidadanía un espazo moderno, cómodo e accesible, que é ademais enerxeticamente eficiente grazas, entre outras instalacións, ás caldeiras de biomasa ou a unha instalación solar fotovoltaica.

Imaxes relacionadas