A Xunta mantén aberto o prazo de solicitudes para participar no coworking da Ribeira Sacra

Os emprendedores poden inscribirse ata o vindeiro venres 31 na convocatoria da aceleradora de Monforte de Lemos

O próximo martes preséntase a quinta edición deste espazo, que leva promovido a creación de 33 empresas

Durante as últimas catro convocatorias realizadas na provincia de Lugo destas iniciativas, nas que colaboran a Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI), foron apoiadas 85 novas empresas

Monforte de Lemos (Lugo), 25 de xaneiro de 2020

Os emprendedores da Ribeira Sacra que precisan asesoramento e apoio formativo para desenvolver unha iniciativa empresarial dispoñen de prazo ata o vindeiro venres 31 para inscribirse no espazo coworking da comarca, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

O próximo martes 28 a partir das 20 horas no Centro do Viño da Ribeira Sacra terá lugar a presentación da quinta edición desta aceleradora, que na súa sede de Monforte de Lemos leva apoiado as iniciativas empresariais promovidas por 97 emprendedores que levan constituído 33 empresas. No encontro daranse a coñecer experiencias de éxito impulsadas neste espazo.

Este ano serán tres os coworking que funcionarán na provincia de Lugo, xa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de reforzar para 2020 a súa aposta polo emprendemento coa posta en marcha de tres novas aceleradoras en toda a Comunidade e unha delas estará situada en Palas de Rei. Este novo espazo promoverá actividades relacionadas co Camiño de Santiago para fomentar as iniciativas empresariais na ruta xacobea.

Pola súa banda, os coworking de Mondoñedo e Monforte de Lemos impulsan proxectos de calquera ámbito económico e acadan coa presente a súa quinta edición. A través das catro convocatorias anteriores levan apoiado as iniciativas de 187 emprendedores e a creación e consolidación de 85 novas empresas.

Xunto coa nova aceleradora de Palas, tamén se poñen en marcha este ano a do Ribeiro, que se centrará en actividades relacionadas coa agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, e outra no Morrazo, que impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval. Todos eles comezarán proximamente a desenvolver os programas das convocatorias actuais.

Así, durante este ano estarán en funcionamento un total de 10 espazos, que facilitarán o desenvolvemento das iniciativas empresariais de 220 emprendedores. Esta rede de aceleración leva impulsados 625 proxectos de 701 emprendedores, e un total de 227 iniciativas xa se constituíron como empresas.

Os espazos coworking forman parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en todo o territorio. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.