O stand de Galicia en Fitur acolle esta fin de semana obradoiros de xoiería, degustacións e actuacións musicais

Nas xornadas abertas ao público xeral da Feira Internacional de Turismo, o espazo galego estará amenizado polo grupo Vudú e por persoeiros tradicionais do Entroido

Madrid, 25 de xaneiro de 2020

O stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo Fitur continúa coa súa actividade promocional durante toda a fin de semana no marco das súas xornadas abertas ao público. Despois de tres días de intensa actividade profesional, na que se celebraron máis de 40 presentacións de destinos e novidades turísticas, o expositor galego ofrecerá hoxe e mañá unha ampla programación de actividades como obradoiros de xoiería, degustacións e actuacións musicais para todo aquel que desexe achegarse ao espazo dedicado á nosa Comunidade.

En concreto, o público xeral poderá achegarse ao espazo Sesión Vermú Galicia para degustar distintos vermús galegos ofrecidos polo Centro de Formación Carlos Oroza de Pontevedra, así como viños das cinco Denominacións de Orixe da nosa Comunidade. Esta zona estará coordinada por Francisco Jesús García, profesional galego da coctelería con diferentes premios nesta modalidade e cunha ampla experiencia docente neste eido.

En paralelo, durante as xornadas de hoxe e mañá o stand estará amenizado pola proposta musical do dúo Vudú, que mestura algúns dos sons e letras máis recoñecidas da música galega con elementos do soul e o R&B. Do mesmo xeito, os asistentes contarán coa presenza dalgúns dos persoeiros máis recoñecidos do Entroido galego e aprenderán a elaborar pezas ou complementos tradicionais da nosa Comunidade en prata, madeira e outros materiais grazas a un obradoiro en vivo a cargo de Silvereira.

Oferta turística e Xacobeo 2021

O público xeral que se achegue ao stand poderá coñecer de preto o expositor de Galicia, cunha superficie de 967 metros cadrados centrado nas particularidades da nosa Comunidade como destino turístico e, en especial, no Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021. Deste xeito, entre as novidades deste ano destaca a presenza dun túnel do Camiño deseñado para trasladar os valores culturais e emocionais da Ruta Xacobea a través de sons, imaxes ou vídeos que recrean algúns momentos icónicos da peregrinación a Santiago, como a chegada á praza do Obradoiro.

O expositor de Galicia está situado no pavillón 9, ocupando as parcelas 9C07 e 9C09. O horario de acceso ao recinto é de 10,00 a 20,00 horas o sábado, e de 10,00 a 18,00 horas o domingo.

Imaxes relacionadas