A Xunta destaca o pulo acadado pola produción de pataca de calidade en Galicia nos últimos anos

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) salientou no Parlamento o incremento rexistrado tanto en superficie amparada pola Indicación Xeográfica Protexida como no número de agricultores inscritos

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2020

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, destacou hoxe no Parlamento, en resposta a unha pregunta do deputado popular Carlos Gómez, que Galicia produce anualmente unhas 400.000 toneladas de pataca, sendo así a segunda comunidade autónoma de España por volume de produción, só superada por Castela e León. Desta cifra, arredor de 10.000 toneladas están certificadas dentro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, que ten na comarca ourensá da Limia a súa principal zona de produción.

Ademais, o director da Agacal salientou que a superficie amparada por esta IXP rolda xa as 300 hectáreas, o que supón un incremento do 28% nos últimos cinco anos, e puxo en valor a modificación do prego de condicións da IXP, que está na súa última fase de tramitación europea. Este cambio -dixo- permitirá case multiplicar por dez a superficie amparada, ao estenderse ao conxunto do territorio galego.

En relación cos resultados de produción de Pataca de Galicia na campaña 2019/20, Manuel Rodríguez mostrouse moi optimista, tanto polo referido incremento da superficie amparada como polo aumento no número de agricultores inscritos, que foi de arredor do 23% dende a campaña 2014-2015. Con todo, a cantidade de pataca Kennebec recollida, a expensas do remate da campaña nos meses de marzo-abril, estímase que roldará os 10 millóns de toneladas, das que o 85% se producen na comarca da Limia.

O director da Agacal tamén puxo en valor os apoios que a Xunta está desenvolvendo aos produtos galegos de calidade diferenciada, que no caso do Consello Regulador da IXP pataca de Galicia superou no 2019 os 110.000 euros para financiar gastos de funcionamento, investigación e promoción.

Manuel Rodríguez quixo destacar tamén os traballos que se están a desenvolver na nosa comunidade para producir pataca de semente certificada, da que poida abastecerse o sector. Remarcou, ademais, a importancia da devandita modificación do prego de prescricións do Consello Regulador, polo que, a partir do mes de maio deste 2020, se ampliará a IXP a todo o territorio galego, incluíndo as novas variedades de pataca Fina de Carballo e Agria. Subliñou que este será un punto de inflexión no que respecta á posta en valor e promoción destas variedades, á súa rendibilidade e ao crecemento exponencial dos operadores, da superficie e da produción acollida polo Consello Regulador.

Imaxes relacionadas