A Xunta impulsa a incorporación de mozos titulados a seis empresas da provincia de Lugo con axudas por importe de 89.200 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que esta nova liña de achegas da Consellería de Economía, Emprego e Industria incentiva a contratación de profesionais para actividades de mellora competitiva no eido da Industria 4.0

O programa Profesionais 4.0 favorece o acceso ao mundo laboral de titulados universitarios e técnicos superiores en FP de ata 35 anos

Lugo, 24 de xaneiro de 2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu axudas que suman 89.200 euros a seis empresas da provincia de Lugo para contratar a mozos e mozas titulados que participen en actividades de mellora competitiva das empresas no eido da Industria 4.0.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que nesta provincia accederon ás achegas do novo programa Profesionais 4.0 cinco empresas da capital e unha de Vilalba, pertencentes a varios sectores, como a formación, a asesoría e xestoría ou o deseño e reforma integral de interiores.

Esta nova liña de axudas do departamento de Economía incentiva a contratación de persoas tituladas universitarias e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos -e cunha experiencia inferior a dous anos-, para que participen en iniciativas de mellora que poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.

A través desta liña de axudas incentívase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo na Industria 4.0. A porcentaxe da axuda que ofrece a Xunta pode acadar o 75% da retribución bruta que perciba a persoa contratada, cun límite de ata un ano de duración.

Balseiro destacou que se trata dun programa pioneiro impulsado a través do Igape “cun triplo obxectivo: reter talento na Comunidade, favorecer o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza e apoiar o tecido empresarial”, concluíu.