Clubs e federacións poden presentar desde hoxe as solicitudes das axudas á adquisición de equipamentos deportivos que neste 2020 medran un 16%

A relación de equipamentos deportivos subvencionables non será limitativa podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta

Os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas poderán recibir o pagamento do 100% da subvención concedida de xeito anticipado

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á resolución da Secretaría Xeral para o Deporte para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos para o ano 2020 publicada onte no Diario Oficial de Galicia.

Como novidades da convocatoria cómpre salientar que o orzamento total da mesma será duns 700.000 euros, o que representa un incremento do 16% con respecto ao orzamento inicial destinado en 2019 e que a relación de equipamentos deportivos subvencionables non será limitativa podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta. Ademais, os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas poderán recibir o pagamento do 100% da subvención concedida de xeito anticipado.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia á data da publicación da convocatoria anual de subvencións e ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva. Cómpre salientar que terán prioridade no acceso á subvención as solicitantes que non resultasen beneficiarias durante o exercicio de 2019.

O financiamento outorgado polo Goberno galego será do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 20.000 por sociedade anónima deportiva e 30.000 por federación. Precisamente, para as federacións deportivas resérvase o 30% do orzamento total da convocatoria.

A adquisición do equipamento deportivo por parte das entidades solicitantes dependerá da puntuación acadada segundo a aplicación dos criterios establecidos. Entre eles cabe destacar o apoio á igualdade de xénero que será valorado en función da porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa.

Imaxes relacionadas