A Xunta e o Concello de Beariz impulsan o rexistro e conservación das masas de frondosas autóctonas deste municipio ourensán

Beariz (Ourense), 23 de xaneiro de 2020

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, desprazouse ata Beariz para coñecer sobre o terreo as masas de frondosas autóctonas neste concello ourensán. A visita do director, que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Prado, serviu para impulsar os trámites de inscrición destes espazos no recentemente creado rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas.

O decreto que regula este rexistro publicouse o pasado día oito de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, co obxectivo de mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e ambiental de Galicia. Deste xeito, os titulares que rexistren estas masas terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable.

Imaxes relacionadas