O Concello de Ames ofrece 11 funcións de oito espectáculos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O director xeral de Políticas Culturais participou hoxe na presentación da programación que se iniciará o vindeiro 31 de xaneiro

As carteleiras de Bertamiráns e do Milladoiro presentan as últimas propostas de Chévere, A Gramola Gominola, Contraproducións, Xampatito Pato, Teatro da Ramboia, Excéntricas, Talía Teatro e Fran Sieira-Compañía de Danza

Ames (A Coruña), 22 de xaneiro de 2020

O Concello de Ames ofreceralle ao público ata o mes de abril un total de 11 funcións de oito espectáculos galegos nas casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns como escenarios asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). A carteleira cuadrimestral amesá, integrada polas compañías Chévere, A Gramola Gominola, Contraproducións, Xampatito Pato, Teatro da Ramboia, Excéntricas, Talía Teatro e Fran Sieira, forma parte das 328 actuacións que este circuíto cultural promovido pola Xunta de Galicia está a desenvolver durante este primeiro semestre do ano en 40 localidades do país.

A programación foi presentada hoxe nun acto que contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e da concelleira delegada de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación de Ames, Natividade González de Jesús, así como con moitos dos creadores e intérpretes protagonistas das montaxes propostas.

O Grupo Chévere iniciará esta programación o 31 de xaneiro con Curva España en Bertamiráns. Ese mesmo espazo acollerá tamén o musical de A Gramola Gominola Bravas O Rexurdir o 7 de febreiro, a Teatro da Ramboia con O meu mundo non é deste reino o 6 de marzo, e Talía Teatro con outros dous pases de Lambetadas o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. Pola súa banda, no Milladoiro estarán Contraproducións con O electo o 7 de febreiro, Xampatito Pato con Só o 6 de marzo, Producións Teatráis Excéntricas con Medida x Medida o 13 de marzo, Talía Teatro con Vida de cans o 27 de marzo, e a compañía de danza de Fran Sieira con EntreSoños o 24 de abril, nas vésperas da celebarción do Día Internacional da Danza.

Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, ademais de programar tamén concertos de música. De feito, ao longo do pasado 2019 acolleu 554 actuacións en espazos de 39 concellos. Ames é un dos 40 concellos membros na actualidade, inscrito na categoría B, que agrupa 22 localidades de entre 12.001 e 40.000 habitantes. Achégalle á RGTA dous escenarios: a Casa da Cultura de Bertamiráns (con 220 butacas) e a Casa de Cultura do Milladoiro (con 160 butacas).