A Xunta avanza en Lalín a apertura de prazo para solicitar os obradoiros duais de emprego, unha das medidas para contar cunha Galicia máis preparada

Pódense solicitar desde mañá e contarán cun orzamento de 23,2M€ para beneficiar a 1400 persoas desempregadas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta mañá o obradoiro ‘Foresta Lalín II’ no que o alumnado está recibindo formación teórico práctica nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas

Lalín (Pontevedra), 22 de xaneiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, anunciou hoxe en Lalín que mañá abre o prazo de solicitude da terceira convocatoria do programa obradoiros duais de emprego, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). A iniciativa ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

A iniciativa conta cunha dotación de 23,2M€, o que supón un incremento do 10% con respecto ao ano pasado. A medida, un programa mixto de emprego e formación mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral, ten como obxectivo apoiar 66 proxectos e beneficiar a máis de 1400 persoas desempregadas.

A esta orde de axudas súmase un novo programa destinado a menores de 30 anos no que se investirán 7M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses. Agárdase apoiar 20 proxectos e chegar a 300 mozos e mozas desempregados a través destes apoios para os que hoxe se abriu o prazo de solicitude.

Casal realizou estes anuncios durante a visita ao obradoiro de emprego Foresta Lalín II, unha iniciativa que conta cun total de 20 participantes que están recibindo formación e experiencia práctica en actividades auxiliares e conservación e mellora de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Ademais, o alumnado accede a outro tipo de formación complementaria como é o caso da prevención de riscos no sector forestal. Nas próximas semanas realizarán actuacións en distintas comunidades de montes veciñais do municipio, como unha repoboación con castiñeiros nas zonas de Pedra Branca e Val. Seguirán con outro tipo de accións no concello relacionadas con tratamentos silvícolas, plantacións ou mellora de infraestruturas.

Na súa intervención, o director xeral destacou o novo modelo de formación para o emprego, dual e flexible, polo que está apostando a Xunta e que conta coa participación das propias empresas e concellos.

Neste sentido, todas estas accións enmárcanse no Plan galego de formación para o emprego que ten como obxectivo contar cunha Galicia máis preparada grazas a un programa que ofrecerá máis de 3000 cursos ata 2021 para chegar a 35.500 galegos e galegas.

Imaxes relacionadas