A directora xeral Amparo González compareceu hoxe na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para responder a unha pregunta sobre estas achegas

Política Social financia 46 programas no campo da familia, a infancia e a dinamización demográfica con cargo ao 0,7% do IRPF

Destínase máis dun millón de euros, un 10% máis que na convocatoria anterior, a apoiar intervencións de 26 entidades neste ámbito

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, informou esta mañá que a Xunta de Galicia financia 46 programas neste campo con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), tres máis que o exercicio pasado.

Fíxoo nunha resposta oral na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia na que fixo balance destas axudas nos dous últimos exercicios.

Amparo González explicou que nesta última convocatoria destínase máis dun millón de euros a apoiar o desenvolvemento de accións de apoio á familia e á infancia por parte de 26 entidades de Galicia. Esta cantidade supón un 10% máis con respecto á orde de axudas anterior. En concreto, subvenciónanse practicamente o 50% das propostas presentadas e que compren cos requisitos desta convocatoria. Tamén sinalou que a achega que reciben determínase en función de criterios de valoración obxectivos fixados previamente polos técnicos, tales como o ámbito territorial no que se desenvolve a proposta, a experiencia ou a participación social e voluntariado.

A directora xeral de Familia sinalou que entre os programas que resultan beneficiados por esta orde do 0,7% do IRPF está o que desenvolve a Asociación Galega de Nais e Pais Separados para a atención de familias, ao cumprir coas bases que rexen a concesión destas achegas.

Imaxes relacionadas