A Xunta apoia mediante o programa Galicia Emprende 60 iniciativas empresariais que mobilizarán máis de 9M€

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por case 2,3 millóns de euros para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou de consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento

Os proxectos aprobados contemplan a creación e mantemento de 224 empregos e abranguen actividades tanto do sector industrial como dos servizos

Ao abeiro do Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, en 2019 o Goberno galego destinou 9 millóns de euros a impulsar máis de 180 iniciativas empresariais que investirán máis de 20 millóns
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder, ao abeiro do Programa Galicia Emprende, axudas por 2,29 millóns de euros para apoiar 60 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de 9,1 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 224 empregos.

Como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, as iniciativas abraguen actividades do sector industrial da automoción; do sector agroalimentario, como a elaboración de viños, pan e bolería; e dos servizos, como centros para maiores e escolas infantís, clínicas dentais, de fisioterapia e podoloxía ou restaurantes especializados. O investimento medio por proxecto é de preto de 152.000 euros, correspondéndose máis do 47% das iniciativas ás impulsadas por autónomos e as restantes por sociedades mercantís. O importe dos investimentos apoiados polo programa Galicia Emprende do Igape está comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros.

O Programa Galicia Emprende compleméntase co Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no ámbito rural. A través da última convocatoria resolta deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará 62 proxectos de autónomos e emprendedores con axudas por valor de 4 millóns de euros, que mobilizarán investimentos que acadarán os 7 millóns de euros e que posibilitarán a creación e mantemento de 168 empregos.

Mediante estas dúas liñas de apoios, en 2019 o Goberno galego destinou 9 millóns de euros a apoiar máis de 180 proxectos empresariais que mobilizarán máis de 20 millóns de euros.
Os emprendedores galegos contan tamén co apoio da plataforma StartIN, que agrupa a rede de espazos coworking e as aceleradoras verticais, e que nos últimos cinco anos leva impulsado máis de 1000 proxectos, ademais dos instrumentos financeiros innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou o capital risco que ofrece XesGalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.
 

Imaxes relacionadas