O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou esta actuación co alcalde de Zas, Manuel Muíño

A Xunta remata a redacción do proxecto construtivo para a ampliación e a mellora da ponte para peóns en Baio, na que investirá máis de 405.000 euros

Francisco Menéndez explicoulle ao rexedor que foi necesaria a modificación do proxecto para acadar o visto bo da Comisión Provincial de Patrimonio, que xa emitiu a resolución favorable

O obxectivo da actuación é mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas ribeiras do río Grande

Os traballos, que terán un prazo de execución de catro meses, consistirán nunha ampliación da ponte para reordenar o tráfico rodado e peonil

A intervención tamén porá en valor a propia estrutura da ponte e adecuará o entorno, tanto nas beirarrúas, nas marxes do río como nos treitos de acceso á ponte, mellorando a accesibilidade peonil

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020

A Xunta vén de rematar a redacción do proxecto construtivo para a ampliación e mellora da ponte para peóns en Baio, na que investirá máis de 405.000 euros. Así llo trasladou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, ao alcalde de Zas, Manuel Muíño.

Francisco Menéndez explicoulle ao rexedor que foi necesaria a modificación do proxecto para acadar o visto bo da Comisión Provincial de Patrimonio, que xa emitiu a resolución favorable. Precisoulle que a partir desa aprobación, retomouse a redacción do proxecto construtivo de acordo coas súas determinacións.

Na actualidade vaise comezar a supervisión técnica do proxecto e posteriormente se prevé a contratación das obras.

O obxectivo da actuación, que terá un prazo de execución de 4 meses, é mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas ribeiras do río Grande. Ademais, a intervención porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna.

Os traballos centraranse na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voladizos en ambos laterais.

Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3,00 m de ancho, beiravías de 0,25 m ou beirarrúas de 2,10 m de anchura.

O proxecto inclúe a disposición de pavimentos diferenciados para a zona de vehículos e para as beirarrúas no tramo sobre a ponte fronte aos utilizados fóra da zona da citada infraestrutura.

Tamén se adecuará o entorno, tanto nas beirarrúas nas marxes do río como nos treitos de acceso á ponte, mellorando a accesibilidade peonil.