A Xunta apoia en Pontedeume unha unidade formativa para desempregados centrada na Industria láctea 4.0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe á presentación desta iniciativa que imparte Effuture -impulsada por Leche Celta- e da que se beneficiarán 15 alumnos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria fixo as xestións necesarias para incluír esta especialidade formativa no catálogo do SEPE

O Goberno galego investirá 4,5M€ nas Unidades Formativas para desempregados entre 2020 e 2021 para beneficiar a 2000 persoas

Pontedeume (A Coruña), 21 de xaneiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu esta mañá en Pontedeume á presentación da Unidade Formativa para desempregados Industria láctea 4.0, impulsada por Leche Celta e impartida por Effuture co obxectivo de “mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas adaptando os perfís profesionais ás demandas actuais do tecido produtivo”, segundo sinalou Casal.

O programa, no que participarán 15 alumnos, ten como obxectivo principal achegar os coñecementos precisos para aplicar as técnicas de produción baseadas nos principios da Industria 4.0, conseguindo un coñecemento integrado de produción, calidade e prevención de riscos laborais en labores de xestión e control da produción. Trátase dunha iniciativa na que se combina a cualificación especializada adaptada á realidade das empresas galegas con compromiso de contratación.

Tal e como explicou o director xeral, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida. A Xunta, ademais, apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros.

A Xunta ten aberto ata o 23 de xaneiro a convocatoria das Unidades Formativas para desempregados cun orzamento global de 4,5 millóns de euros para 2020 e 2021. Agárdase formar a máis de 2000 persoas sen emprego en 162 unidades. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.

Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2018, xa se celebraron 425 cursos con 6233 prazas e un investimento de máis de 11M€. Este programa, ademais, propiciou a inclusión de 53 novas especialidades, a proposta das empresas, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal, como no caso desta iniciativa presentada hoxe, para a que a Consellería fixo as xestións que permitiron a súa inclusión.