A conselleira de Política Social visitou hoxe dúas das escolas infantís de iniciativa social que a entidade Dalila ten na localidade pontevedresa

Fabiola García destaca que máis de 250 familias de Marín poderán beneficiarse da gratuidadade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos

Serán gratuítas a partir do 1 de abril tanto as escolas infantís públicas da Xunta como as concertadas, as privadas e as de iniciativa social

Tal e como recolle a Lei de acompañamento dos orzamentos de 2020, a partir do curso 2020/21 a Xunta apoiará aos concellos que queiran introducir esta medida nas escolas infantís da súa competencia, sempre e cando estean ao día dos seus pagamentos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Investiranse máis de 14 millóns de euros este ano para implantar esta medida pioneira e sen precedentes en toda España da que se beneficiarán as familias duns 12.500 nenas e nenos de Galicia

Marín (Pontevedra), 21 de xaneiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe dúas das escolas infantís de iniciativa social que a Asociación Educativa Dalila ten no concello de Marín. Alí destacou que máis de 250 familias desta localidade pontevedresa poderán beneficiarse da gratuidade da educación infantil para segundos fillos e sucesivos que entrará en vigor a partir do 1 de abril.

Fabiola García, que estivo acompañada da alcaldesa da localidade, María Ramallo, sinalou que con esta decisión Galicia inicia esta nova década sendo líder nos eidos do apoio ás familias e da conciliación e precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas escolas públicas da Xunta como nas privadas e de iniciativa social, coma estas de Dalila.

Cómpre recordar que esta decisión pioneira e sen precedentes en toda España beneficiará ás familias duns 12.500 nenas e nenos en toda Galicia, e suporá un investimento neste 2020 de máis de 14 millóns de euros.

Tal e como recolle a Lei de acompañamento dos orzamentos de 2020, a partir do curso 2020/21 a Xunta apoiará aos concellos que queiran introducir esta medida nas escolas infantís da súa competencia, sempre e cando estean ao día dos seus pagamentos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Máis apoios ás familias que nunca

A conselleira manifestou que o obxectivo do Goberno galego neste 2020 é que a comunidade siga a estar á vangarda nos ámbitos da familia, a infancia e a conciliación. Neste sentido, resaltou que a Xunta esfórzase por ofrecer todas as facilidades ás familias que viven no rural e destacou que se está a crear unha rede de recursos gratuíta coas casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos concellos que aínda non teñen un servizo de conciliación.

Así mesmo, Fabiola García recordou que onte mesmo publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases da nova Tarxeta Benvida que inclúe catro novidades importantes. A primeira é que as familias que viven no rural recibirán un 25% máis de axuda, pasando dos 1200 euros anuais ata os 1500; increméntanse as prestacións para as familias numerosas ata os 2400 euros anuais e ata os 3000 euros para aquelas que residen en concellos de menos de 5000 habitantes; contempla máis facilidades para os galegos retornados ao prolongar o prazo de presentación de solicitude en tres meses; e dáselles máis vantaxes ás familias con menos recursos incrementando a Tarxeta Benvida ata os catro anos para as persoas que peor o están a pasar.

Imaxes relacionadas