A Xunta renova a súa colaboración coa organización dos Premios Martín Códax da Música na súa sétima edición

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2020

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta da asociación Músicas ao Vivo, Xiana Lastra, asinaron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o convenio de colaboración mediante o que a Xunta volve apoiar economicamente a organización dos Premios Martín Códax da Música, que este ano celebran a súa sétima edición a prol dunha maior proxección social do traballo dos profesionais da música en Galicia.

De acordo co devandito documento, a entidade da Consellería de Cultura e Turismo contribuirá ás diferentes accións vinculadas á convocatoria destes galardóns, que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses e culminarán nunha gala na que se entregarán os 17 premios nas diferentes categorías musicais, os tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación musical e o honorífico a toda unha traxectoria.

Imaxes relacionadas