O DOG publica a cesión de 38 predios en masas comúns da parcelaria de Ánxeles-Calvente-Pasarelos-Marzoá II ao Concello de Oroso

Cando un proceso de reorganización do territorio aínda non está rematado, os concellos poden solicitar a cesión da titularidade de fincas do fondo de terras para equipamentos colectivos ou fins de interese xeral

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se cede ao concello de Oroso a titularidade de 38 predios do Fondo de Terras da zona de concentración parcelaria de Ánxeles-Calvente-Pasarelos-Marzoá II para usos de interese xeral.

Estes predios -que no citado proceso de concentración parcelaria se integraban na relación de predios do Fondo de Terras-, coa cesión pasan a formar parte das adxudicacións do concello, despois de que este solicitara a súa cesión para diversos fins de interese xeral, ao amparo do disposto polo artigo 32 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Cando un proceso de reorganización do territorio aínda non está rematado, os gobernos locais poden solicitar a cesión da titularidade de fincas deste fondo -tamén chamado masa común- para equipamentos colectivos ou fins de interese xeral. Neste caso, os predios serán empregados para actuacións de conservación e aproveitamento de varias infraestruturas (muíños, fontes, escola unitaria etc), para a ampliación da área recreativa de Ponte Arderís e do río Maruzo, mellorar o servizo dao cemiterio municipal e o aparcadoiro da igrexa, entre outras actuacións.

O proceso de concentración parcelaria da zona de Ánxeles – Calvente – Pasarelos - Marzoá II atópase actualmente en fase de acordo. Trátase dunha zona de reestruturación do territorio que afecta unha superficie de 1383 hectáreas, repartidas en 1486 predios propiedade de 885 veciños.