Nava Castro salienta o potencial turístico da rede de observatorios nocturnos apoiado pola Xunta en Condado-Paradanta

A directora de Turismo de Galicia visitou hoxe As Neves, un dos máis de 100 concellos beneficiarios da liña de axudas para infraestruturas turísticas

As Neves (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o Concello das Neves, un dos máis de 100 beneficiarios da última convocatoria de axudas coa que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa cada ano melloras nas infraestruturas turísticas do rural galego e que en 2020 conta cun investimento superior ao millón de euros.

A través desta liña de subvencións, o concello de As Neves recibiu unha subvención de preto de 30.000 euros que permitiron dar forma á rede de observatorios nocturnos e miradoiros deste xeodestino. Inclúense, ademais, no compromiso da Xunta de Galicia por diversificar a actividade turística e dotar aos concellos de instrumentos que lles permitan poñer en valor recursos con potencial e atopar no turismo unha oportunidade de desenvolvemento sociocultural.

Neste caso, as accións desenvolvéronse en San Nomedio, na parroquia de Taboexa, onde se pretende impulsar a observación nocturna das estrelas aproveitando a altitude do monte, de gran pendente e que permite contar cunhas vistas privilexiadas da comarca.

Con iniciativas como esta, a Xunta contribúe a sufragar actuacións de embelecemento, recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos do rural galego, así como iniciativas de iluminación ornamental dos recursos turísticos, a creación de miradoiros paisaxísticos ou actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado.

Imaxes relacionadas