A Xunta de Galicia e a Fundación ONCE avanzan na accesibilidade universal do Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo un encontro con representantes da fundación para facer un seguimento das accións que se desenvolven ao abeiro do proxecto que contribúe a que as persoas cegas poidan percorrer a Ruta Xacobea

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo un encontro con representantes da Fundación ONCE para avaliar o traballo realizado no marco do convenio de colaboración que manteñen ambas institucións para a cooperación e inclusión social de persoas con discapacidade no Camiño de Santiago.

Galicia segue a facer avances para facilitar a peregrinaxe das persoas cegas, sendo a primeira comunidade autónoma que puxo en marcha o proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino. Neste sentido, ambas partes informaron de que se poderán explorar os novos usos desta iniciativa a partir deste primavera.

O proxecto inclúe a implementación dunha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión a partir da dixitalización de cada unha das etapas do Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e que xa se completou en Galicia. Isto conflúe coa creación dunha aplicación móbil accesible baseada en audio 3D sobre tecnoloxía de condución ósea, capaz de guiar aos peregrinos e fomentando o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno. As probas piloto deste sistema de guiado tiveron lugar recentemente con grande éxito. Ambas institucións destacaron a importancia de promover a accesibilidade universal no ámbito turístico e cultural para acadar a inserción real e efectiva de todas as persoas na sociedade

Obxectivo do Xacobeo 21

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia traballa noutras liñas complementarias para conseguir este obxectivo no marco do Xacobeo 21. Deste xeito, o Plan de Albergues presentado o pasado mes de decembro inclúe unha iniciativa centrada na instalación de pictogramas para favorecer a accesibilidade dos locais, a edición dun catálogo-guía da accesibilidade en todos os establecementos e a posibilidade de facer reservas, por primeira vez, para grupos de persoas con discapacidade.

Ademais, a Xunta cedeu á Asociación de Pais e Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) o antigo cámping do Monte do Gozo, onde se creará un novo centro asistencial e turístico. O proxecto inclúe o desenvolvemento dunha iniciativa innovadora que permitirá organizar estadías ou campamentos para as persoas con autismo, convertendo esta área nun polo de atracción para un sector da poboación que precisa dunha oferta turística adaptada ás súas necesidades.

Imaxes relacionadas