Preto de 2.000 nenos e nenas achéganse no Gaiás ao máis destacado do cine infantil internacional no festival de curtas ‘Pequefilmes’

Durante toda a fin de semana a Cidade da Cultura acolle a proxección de preto dun cento de curtametraxes de 27 países en 34 sesións e obradoiros sobre cine

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta visitou esta tarde o festival, que nesta cuarta edición conta cunha ampla mostra da produción audiovisual galega actual coa proxección de 15 curtametraxes, dúas delas nas seccións oficiais a concurso

Organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, ‘Pequefilmes’ promove a cultura audiovisual desde as idades máis temperás desde un punto de vista activo e crítico
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2020

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, asistiu esta tarde a Pequefilmes, o festival infantil de curtametraxes que reúne esta fin de semana na Cidade da Cultura preto de 2.000 nenos e nenas e promove a cultura audiovisual desde as idades máis temperás. Neste festival os máis pequenos da casa son tamén moito máis que espectadores, xa que adoptan o papel de críticos de cine valorando os filmes que se proxectan para outorgar os dous premios do público e estréanse ademais como realizadores en obradoiros para gozar e aprender en familia sobre a maxia do cinema.

A programación de Pequefilmes abrangue todas as etapas da infancia, con tres seccións diferenciadas por idades: Vagalumes –de 0 a 3 anos–, Miñocas –para maiores de 3 anos– e Fanecas –a partir dos 7 anos de idade–. En total, hoxe e mañá proxéctanse no Museo Centro Gaiás preto dun cento de curtametraxes procedentes de 27 países, organizadas en 34 sesións ao longo de toda a fin de semana. Unha ampla escolma de películas con variedade de estilos, temáticas e historias para espertar a curiosidade e o gusto polo audiovisual de calidade entre a cativada e entre as que a animación é a grande protagonista.

A carteleira de Pequefilmes inclúe o máis destacado do panorama internacional actual para as audiencias máis miúdas, xa que moitas das curtametraxes que se proxectan pasaron polos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como os de Annency, Chicago ICFF, Animamundi, Animafesta, Dresdner Kinderfilfest ou Clermont-Ferrand. Este último mantén unha colaboración especial con Pequefilmes, ofrecendo unha selección das mellores curtametraxes exhibidas no prestixioso festival francés, que se proxectan na sección Carta Branca.

Quince producións galegas

Nesta cuarta edición de Pequefilmes poderanse ver un total de 15 curtametraxes de produción galega, dúas delas nas seccións oficiais a concurso (Miñocas e Fanecas), onde compiten por levar algún dos dous premios do público. Trátase dos traballos Hoop, dirixido por Yvonne López, e Brotar, un proxecto que mestura música e animación da man do dúo Alifáfaro, formado por Montse Piñeiro e Rubén Abad.

As outras 13 producións galegas son as que conforman a carteleira da sección Novos Programadores, fóra de concurso e unha das principais novidades desta edición do festival xa que o seu programa audiovisual está enteiramente elaborado por rapazada de 9 e 10 anos do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro. A través dun obradoiro organizado pola Academia Galega do Audiovisual, os rapaces e rapazas enfrontáronse á tarefa de preparar dous programas de curtametraxes de produción galega destinadas a públicos maiores de 3 e de 7 anos. Estes dous programas, que foron presentados no propio colexio a final do curso pasado, poderanse ver agora en Pequefilmes na sesión matinal de mañá domingo.

Primeiros pasos no mundo do cine

Ademais de gozar do mellor cine miúdo, o festival da Cidade da Cultura propón obradoiros para que os máis pequenos e pequenas dean os seus primeiros pasos na creación cinematográfica, descubrindo técnicas e conceptos fundamentais no proceso da realización e da animación.

Destinados a cativada de entre 4 e 12 anos, esta edición inclúe dous divertidos obradoiros dirixidos, dunha banda, a gravar unha pequena peza audiovisual usando os xoguetes como protagonistas a través da técnica do Toy Play, e, doutra, a construír un visor doméstico de hologramas empregando como base un teléfono móbil e outros materiais comúns.

Pequefilmes é unha actividade impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, coa colaboración da empresa audiovisual Cinética, a Academia Galega do Audiovisual e o festival internacional de curtametraxes Clermont-Ferrand.
 

Imaxes relacionadas