A Xunta de Galicia achegará 410.000 euros para a construción da nova escola infantil no concello da Guarda

Este novo centro de atención á infancia de 0-3 anos contará con tres unidades e 41 prazas e integrarase na rede pública autonómica Galiña Azul

A Consellería de Política Social remitiulle esta semana ao Concello a proposta de convenio de colaboración entre ambas administracións para o financiamento desta nova instalación

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia investirá 410.000 euros para a construción da nova escola infantil no concello da Guarda que se integrará na rede pública autonómica Galiña Azul. A Consellería de Política Social remitiulle esta semana á Administración local o borrador do convenio de colaboración nos termos acordados por ambas partes.

O proxecto para a construción deste novo centro ten un custe de 691.000 euros dos que o Goberno galego aportará 410.000 euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a cantidade restante será sufragada polo Concello.

Desta maneira, a escola será construída e xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de acordo co modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ese tipo de centros do Consorcio. O Concello deberá agora tramitar a aprobación do texto, para poder proceder a continuación á firma do convenio, requirimento necesario para comezar o procedemento de licitación da obra.

O novo centro contará con tres unidades e 41 prazas que se sumarán a escola municipal xa en funcionamento neste concello do Baixo Miño e que mellorará a conciliación das familias guardesas. Con esta actuación, a Xunta de Galicia cumpre o seu compromiso de incrementar os servizos postos á disposición das familias para poder compaxinar a súa vida persoal coa laboral.

Ademais, con estas novas prazas tamén se aumenta a ratio de atención á infancia deste concello, un incremento que leva a superar o 33% da ratio que recomenda a Unión Europea.

Imaxes relacionadas