A conselleira de Política Social visitou hoxe a escola infantil pública da Xunta emprazada no Polígono Lalín 2000

Fabiola García resalta que máis de 200 familias de Lalín poderán beneficiarse da gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos

Investiranse máis de 14 millóns de euros este ano para implantar esta medida pioneira e sen precedentes en toda España da que se beneficiarán as familias duns 12.500 nenas e nenos de Galicia

Serán gratuítas tanto as escolas infantís públicas da Xunta como as privadas e as de iniciativa social
 

Lalín (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou hoxe en Lalín que a partir do vindeiro 1 de abril as escolas infantís de Galicia serán gratuítas para os segundos fillos e sucesivos. Díxoo durante a visita á escola infantil que a Xunta ten no Polígono Lalín 2000 e que conta con 74 prazas divididas en 5 unidades. Neste Concello serán máis de 200 familias as que se beneficiarán desta histórica medida.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, destacou que con esta decisión Galicia inicia esta nova década sendo líder nos eidos do apoio ás familias e da conciliación e precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas escolas públicas da Xunta como nas privadas e de iniciativa social.

Cómpre recordar que esta decisión pioneira e sen precedentes en toda España beneficiará ás familias duns 12.500 nenas e nenos en toda Galicia, e suporá un investimento neste 2020 de máis de 14 millóns de euros.

Máis apoios ás familias que nunca

A conselleira manifestou que o obxectivo do Goberno galego neste 2020 é que a comunidade siga a estar á vangarda nos ámbitos da familia, a infancia e a conciliación. Neste sentido, resaltou que a Xunta esfórzase por ofrecer todas as facilidades ás familias que viven no rural e destacou que se está a crear unha rede de recursos gratuíta coas casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos concellos que aínda non teñen un servizo de conciliación.

Así mesmo, Fabiola García recordou que se vai a poñer en marcha unha axuda para que as empresas poidan crear dentro das súas instalacións un recurso de conciliación que lles axude aos seus traballadores a compaxinar o horario laboral co coidado dos seus fillos.

O compromiso da Xunta por facer de Galicia un lugar máis acolledor para as familias ratifícase en datos como que nos últimos dez anos se duplicou o número de prazas públicas en escolas infantís ata chegar ás 25.000 actuais; incrementáronse as axudas directas ás familias para que poidan escoller escola infantil para as súas fillas e fillos mediante o Bono Concilia e ampliouse a Tarxeta Benvida nun 25% para as familias que viven nos concellos máis rurais e ao incremento desta axuda para a crianza ata os 2400 euros mensuais para as familias que teñan un terceiro fillo e sucesivos.

Ademais, no primeiro trimestre deste ano o Executivo autonómico levará ao Parlamento a que será a primeira Lei de impulso demográfico, con novas medidas que reforzarán a conciliación e coas que se aposta porque cada día Galicia sexa máis familia.
 

Imaxes relacionadas