Medio Ambiente abre o período de consulta pública da primeira Lei de protección e avaliación ambiental de plans, programas e proxectos

O Portal de Transparencia da Xunta publica a documentación relativa a esta nova lei que se pretende tramitar para compatiblilizar a protección ambiental e as actividades económicas

En Galicia estase a aplicar a Lei estatal 21/2013, coa que se prolongan en exceso as avaliacións ambientais, o que provoca un retraso inxustificado da implantación de iniciativas para o desenvolvemento de actividades económicas e empresariais

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abre dende hoxe o período de consulta pública da primeira e propia Lei de avaliación ambiental de plans, programas e proxectos. Así o acordou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá, co que se abre un período de consulta pública para que a cidadanía en xeral dispoña dun período no que trasladar as súas achegas e consideracións relativas a esta nova lei que pretende tramitar o executivo que preside Alberto Núñez Feijóo.

Galicia carece de normativa propia en materia de avaliación ambiental de plans, programas e proxectos, optando por aplicar na súa integridade a Lei estatal 21/2013. Non obstante, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda constatou que as avaliacións ambientais prolónganse en exceso, o que provoca un retraso inxustificado na implantación de iniciativas necesarias para o desenvolvemento de actividades económicas e empresariais na Comunidade.

Asemade, este feito contradise cos principios asentados pola lexislación aprobada en Galicia nos últimos anos para favorecer o emprendemento e axilizar a implantación de actividades industriais, como a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia; ou a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Neste sentido, a Xunta quere dotar á Comunidade dunha norma con rango legal que aporte claridade, simplificación e axilidade á tramitación dos procedementos administrativos de avaliación ambiental estratéxica de plans e programas e de avaliación de impacto ambiental de proxectos, e que achegue seguridade xurídica aos operadores económicos, sen minguar o elevado nivel de protección ambiental que marcan as directivas da Unión Europea aplicables, así como a lexislación estatal básica.

Entre os principais obxectivos que se preteden acadar con este futuro texto normativo está clarificar os organismos e entidades aos que se debe dar traslado de consulta en cada caso e que será fixado por cada órgano sustantivo; de xeito que se eviten demoras innecesarias, como o feito de remitir novamente os informes e alegacións que se presentan para recabar a súa opinión.

Tamén se simplifican as avaliacións ambientais que se esixen pola existencia dunha posible afección á Rede Natura. Deste xeito, no canto de comezar un procedemento administrativo dun mínimo de cinco meses de duración, regularíase que sexa un informe da Dirección Xeral competente o que sinale se hai ou non esa posible afección. De concluír a inexistencia de afección, non sería necesario tramitar un procedemento de avaliación ambiental.

En definitiva preténdese aclarar, simplificar e axilizar a tramitación das avaliacións ambientais e achegar seguridade xurídica, tanto á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia como aos operadores económicos privados, precisando mellor os trámites, prazos e efectos destes procedementos.