Infraestruturas licita as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-551 ao seu paso por Marín e Bueu

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou a zona onde se van a executar as obras, recordando que se executarán dúas glorietas nas zonas de Lapamán e Agrelo en Bueu e tamén se mellorará unha intersección no Concello de Marín

Na intervención inclúese a execución dunha senda que dará continuidade dende Marín ata o acceso á praia de Lapamán

A Consellería destina a este fin un total de 1,2 millóns de euros

Esta actuación enmárcase no Plan de Seguridade Viaria de Galicia da Xunta para intentar reducir ata 2020 os “puntos negros” das estradas de titularidade autonómica, cun investimento que superará os 15 millóns de euros

Pontevedra, 14 de xaneiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Bueu para anunciar a licitación das obras do proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada PO-551, ao seu paso polos Concellos de Bueu e Marín, que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, así como do xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey.

Segundo destacou Cores Tourís, como principias intervencións proxectadas está a mellora de interseccións, destacando a construción de dúas glorietas de 28 metros de diámetro no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304, e a mellora da intersección de acceso á Praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950. Na intervención inclúese a execución dunha senda de 400 metros que dará continuidade dende Marín ata o acceso á praia de Lapamán.

Tamén se reforzará a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes. Estas actuacións incluíronse no proxecto a pesar de non atoparse os pasos de peóns no treito cualificado coma TCA, pola súa conflitividade.

Outras actuacións complementarias serán a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras por outros menos lesivos e renovación da sinalización horizontal.

Tal e como explicou o delegado territorial, tras o análise das alegacións presentadas, o proxecto incorporou ademais novas melloras nesta actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta.

En concreto, introduciuse o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección. Tamén na glorieta de Lapamán se realizou un axuste para reducir ocupación, pero de menor entidade, e se mellorou a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

A maiores inclúese na actuación a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, no Concello de Marín mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.

A partir de hoxe as empresas interesadas terán 26 días para presentar as súas ofertas y posteriormente comezarán as obras que terán un prazo de execución de oito meses.

Na comarca do Morrazo tamén se están a executar 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe que suman case 9,2 quilómetros de sendas cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros, “o que ven a demostrar o interese da Xunta de Galicia por mellorar a seguridade viaria nas estradas e reducir a accidentalidade”, rematou Cores Tourís. Esta actuación enmárcase no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020.

Imaxes relacionadas