Un total de 12 cooperativas agrarias de Santiago recibiron máis de 840.000€ en axudas da Xunta para o fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo

Ovidio Rodeiro destacou que os principais obxectivos que perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria de forma comunitaria, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético

Arzúa (A Coruña), 16 de xaneiro de 2020

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a cooperativa Ntra. Sra. del Perpetuo Socorro, S.C.G en Arzúa para informar da resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2019 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo (CUMAS).
Esta cooperativa recibiu unha achega de 99.400 euros para facer un investimento de 248.000 para a adquisición dun carro mesturador/aboador. Esta agrupación dedícase á fabricación de pensos, dispón tamén dunha tenda agraria e proporciona servizos de maquinaria aos seus socios.
Ovidio Rodeiro informou que “na comarca de Santiago resultaron beneficiadas 12 cooperativas dos concellos de Arzúa, Frades, Ordes, Santa Comba, Santiso, Toques, Tordoia, Touro e Trazo, sendo o importe total das subvencións de máis de 840.000 euros”.
Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, apostan por fomentar a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo.

Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

O delegado territorial puxo en valor que en toda a provincia da Coruña recibiron estas achegas 20 cooperativas cun investimento total de máis de 1,3 millóns de euros e en Galicia foron 36 as cooperativas beneficiadas cunha achega global de 2,8 millóns de euros.
Ovidio Rodeiro destacou que “os principais obxectivos que perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria e equipos agropecuarios de forma asociativa, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético”.
O importe da achega será do 35% dos custos, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización como as zonas con limitacións naturais. Para a concesión destas axudas valóranse determinados aspectos relacionados coa entidade asociativa, como a súa tipoloxía, en relación a se son cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación (SAT) ou cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (Cuma).

Imaxes relacionadas